Os galegos seguen a ser os que menos cobran pola súa xubilación, uns 154 euros menos que a media estatal.
Os xubilados galegos reciben de pensión unha media de 704 euros, unha cifra que segue a liderar o listado das máis baixas de todo o Estado Español. En concreto, esta cantidade é 154 euros máis baixa que a que reciben, de media, os pensionistas españois (858 euros).
En Galiza son 440.939 as persoas que reciben unha achega económica pola súa xubilación, segundo os datos difundidos polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) referidos ao último mes de outubro.
Na Coruña, máis pensionistas
O maior número de xubilados viven na provincia da Coruña, un total de 163.328 persoas. Séguelle Pontevedra (129.221 pensionistas), Lugo (78.475) e Ourense (69.915).
Ademais da prestación por xubilación, en Galiza hai en total 716.948 pensionistas, unha vez sumadas as axudas por incapacidade, viuvez, orfandade e en favor de familiares. Esta cifra supón un incremento dun 0,9% con respecto ao mesmo mes do ano anterior.