Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
ORZAMENTOS 2009

Gondomar: despois do 'baile de tránsfugas' chegan as dedicacións

O goberno local pretende destinar 175 mil euros ao ano a soldos. Neste mesmo mandato, negáronlle ao anterior executivo dúas dedicacións de 27 mil euros.

Redacción - 19:00 21/10/2009

O pasado 7 de xullo consumábase unha das mocións de censura máis polémicas dos últimos anos: a de Gondomar. Unha coalición entre “populares” e tránsfugas socialistas posibilitaba a caída de Xosé Antón Araúxo. O rexedor nacionalista a duras penas aguantou dous anos á fronte do consistorio. Os cinco concelleiros que logrou o BNG en 2007 (fronte aos 7 do PP, os 4 do PSdeG e o único edil de Move Gondomar) non foron quen de resistir máis de medio mandato.

A heteroxénea “gran coalición” que naceu hai case catro meses neste municipio da comarca de Vigo quere aprobar o venres os orzamentos de 2009. A intención dos promotores da moción de censura é destinar case 175 mil euros ao pago de dedicacións exclusivas. Os salarios políticos quedarían distribuídos do seguinte xeito: o alcalde, Martín Urgal (que se presentou de número 2 polo PP), percibirá 52 mil euros anuais; Alfonso de Lis (ex lider do PSdeG) terá un soldo de 40.729 euros; e haberá unha terceira dedicación (aínda se descoñece para quen vai parar) doutros 40.729 euros. Dende o Bloque local lembran que os mesmos concelleiros que agora van aprobar esta partida non permitiron no seu día que o anterior goberno aprobase dúas dedicacións exclusivas de 27 mil euros anuais.

Estas novas dedicacións coñécense logo de que trascendese hai escasas semanas que o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, decidiu premiar cun salario de 65 mil euros anuais a Carlos Silva, ex alcalde de Gondomar e deputado provincial. O PSdeG xa pediu na Deputación que se lle retirase esta asignación (concedida curiosamente tres semanas despois da moción de censura). Os socialistas pontevedreses lembraron que Silva foi unha “peza clave” no rocambolesco pacto de Gondomar. Ademais, este ex rexedor (e aínda concelleiro) está condenado xudicialmente en primeira instancia por prevaricación.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A dereita (de garavata), o novo alcalde, Martín Urgal, durante o pleno da moción
A dereita (de garavata), o novo alcalde, Martín Urgal, durante o pleno da moción
Imaxe dos catro tránsfugas do PSdeG durante o debate da moción de censura
Imaxe dos catro tránsfugas do PSdeG durante o debate da moción de censura
Tres semanas despois da moción de censura, Louzán premiou a Silva cunha dedicación na Deputación de 65 mil euros ao anos
Tres semanas despois da moción de censura, Louzán premiou a Silva cunha dedicación na Deputación de 65 mil euros ao anos