Poderían corresponderse cos de dous homes asasinados durante a represión que seguiu ao levantamento franquista.
Un equipo de voluntarios da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica atopou este martes os primeiros restos humanos nunha foxa común situada nas inmediacións do muro que rodea a igrexa de Curro, no municipio pontevedrés de Barro. O equipo que dirixe o arqueólogo René Pacheco cre que se poden corresponder cos restos de dous homes asasinados o 15 de setembro de 1936. Agora continuarán coas labores de escavación da foxa e exhumación dos ósos.
A investigación partiu de testemuños orais de veciños de Corbillón, en Cambados, que se dirixían en setembro de 1936 á feira de Pontevedra. Aseguraron que viran o traslado nunha escaleira de dous cadáveres para o seu enterramento. Un dos mortos era veciño desa localidade, polo que lle contaron os feitos á familia. Agora os restos humanos apareceron no lugar exacto sinalado polos testemuños.
Un dos corpos que a asociación agarda atopar é o de Castor Cordal Garrido, un home de 27 anos de idade, electricista e membro da CNT. Foi detido polos falanxistas e a Garda Civil, e logo encerrado no pazo de Fefiñáns, en Cambados. A familia sinala que lle negaron ao seu pai a posibilidade de visitalo para logo dicirlle que escapara a Portugal, aínda que uns veciños viron enterrar o seu cadáver.
O outro corpo sería o de Ramón Barreiro Rodríguez, un mozo de 19 anos de idade, solteiro, ao que cortaron un dedo antes de enterrar para roubarlle un anel. O relato familiar sinala que escribía en medios locais con “acidez” e que foi delatado por un cuñado da súa nai, á que violaron e raparon a cabeza ao cero para obrigala a confesar.