Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Proceso de debate entre as bases

Malia as detencións a esquerda abertzale insistirá na volta ao escenario político

Nun documento crítico coas posicións adoptadas ao finalizar o cesamento de fogo da ETA, fan un chamamento a "unha aposta política".

Redacción - 14:00 20/10/2009

"Ao parecer, non nos demos conta abondo de por que e para que abrimos o proceso democrático", expón a xeito de autocrítica o documento interno en debate nas bases da esquerda abertzale ao que tivo acceso o xornal vasco Gara, ao respecto do acontecido logo do proceso de negociación rematado en 2007. "Non nos demos conta de que non era para dar algúns pasos e para poñer, sen máis, algunhas bases para outra ocasión", continúa o texto, "non interiorizamos suficientemente que é hora de darlle camiño ao cambio político e que iso nos obriga a cambiarnos a nós mesmos".

"Hai que facer unha aposta política, porque as oportunidades e ocasións novas non van vir por si soas", debulla máis adiante o texto, que chama á recuperación dun proceso democrático "sen violencia". A análise repara ademais nos "problemas de cohesión interna" á hora de entender o proceso cos que a esquerda abertzale tería afrontado o contexto do cesamento de fogo da ETA. "En honor á verdade, hai que dicir que, a consecuencia da falta de cohesión e dos diferentes criterios, ao longo do proceso a esquerda abertzale cambiou o seu deseño, dándolle as costas á acumulación de forzas e colocando o factor da negociación nos parámetros de Argel (loita armada a cambio do marco democrático)", recolle o texto que saca Gara á luz pública.

O xornal vasco relaciona esta proposta de debate de 36 follas que circula entre as bases abertzales, coa vontade expresada por membros de Batasuna, logo das detencións, entre outros, de Arnaldo Otegi e Rafa Díez Usabiaga, de non frear o intento de recuperar a actividade política. "Tras un longo período de reflexión, a esquerda abertzale afronta unha nova iniciativa para impulsar un novo ciclo, encamiñado á resolución do conflito político", subliñaba un dos voceiros, Xabi Larralde, nun acto en Baiona no día posterior ás detencións.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: