Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A debate en pleno o 15 e 16 de decembro

O miúdo das contas chega ao Parlamento entre afagos do PP e denuncias da oposición

A Xunta define os orzamentos de "solidarios" e claves "para volver medrar". O PSdeG veos "escasos de ambición" e o BNG alerta de privatizacións e "mentiras".

Redacción / EP - 19:00 19/10/2009

"Hai que ter en conta que a mala xestión da tesourería do anterior Goberno provoca que a comunidade teña que amortizar débeda en 2010 por 515 millóns de euros, máis do dobre que o ano anterior". Con esa xustificación chega á máxima institución do país o detalle dos Orzamentos que a Xunta deseñou para 2010. Ao respecto, dixo a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, que dos 515 millóns destinados a amortizar débeda, arredor de 270 están relacionados co vencemento dunha operación de tesourería "dubidosa" acometida polo anterior executivo, realizada cun prazo de 18 meses e que "haberá que devolver o ano que vén". Con todo, asegurou a conselleira que non lle preocupa que a Xunta esprema o límite de endebedamento xa que, argumentou, Galiza mantén unha liña nese sentido "bastante prudente". "É o momento de endebedarse", engadiu.

En cifras concretas, o gasto non financeiro será de 11.052,1 millóns de euros, un 3,3% menos que en 2009, cun orzamento consolidado de 11.686 millóns de euros, baixo un prognóstico de crecemento do PIB do 0,2% en 2010. O departamento de Sanidade leva o 34% do orzamento total, seguido do Ensino, cun 22%. É dicir, 3.728 millóns de euros en materia sanitaria e 2.383 para Educación. A continuación, cita o documento a dinamización económica, con 745 millóns; a cohesión e o benestar social, con 577 millóns; a mobilidade e infraestruturas, con 503 millóns; as políticas activas de emprego, con 386; e a economía do coñecemento, con 185 millóns de euros. No que lle toca ás políticas sanitarias, salienta a Xunta o inicio da construción do Hospital de Vigo, a finalización do de Lugo, a segunda fase do universitario da Coruña e do de Ourense, a terceira fase do Arquitecto Marcide, en Ferrol, e o Plan Director do Hospital do Salnés.

Xacobeo, dependencia e administración
Doutra banda, o Goberno destaca o "protagonismo especial" do Xacobeo 2010, cunha partida específica de 43 millóns, alén das actuacións adicionais desde o resto de consellarías e cun impacto estimado na economía do país de arredor de 260 millóns. Tamén se defende un "compromiso coa dependencia", cunha inxección de 239 millóns, "un 45% máis de recursos, que permitirán xerar 3.300 novos empregos". O xa mencionado endebedamento, que a Xunta espremerá ao máximo, únese ás fórmulas de financiamento específicas e "extraorzamentarias", de xeito que, defende a conselleira de Facenda, o capítulo de investimentos reais medrará mesmo un 1% e aínda a pesar da caída, dun 12% dos ingresos non financeiros. "O Goberno impulsará as políticas de cohesión social e apostará por uns servizos públicos máis eficientes e próximos, así como por actuacións anticíclicas e de reforzo dos sectores produtivos para iniciar a recuperación económica", expoñen.

"Realistas", di o PP; "Enmascaramento" e "mentiras", insiste a oposición
El portavoz parlamentario del PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, valoró hoy los presupuestos gallegos para 2010, que calificó de "realistas", y reivindicó la capacidad de las nuevas cuentas públicas para lograr que Galicia supere la crisis económica.
"Son os primeiros orzamentos feitos para superar a crise", valorou o voceiro do grupo parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, insistindo no cualificativo de "realistas" para os números deseñados pola Xunta para o ano que vén. Ruíz Rivas quixo contrapoñer este proxecto co elaborado o último ano polo bipartito para defender que desta volta "non van inchados". Unha situación que na opinión de Rivas permite "ventar unha solución" en Galiza para a recesión. "En Madrid increméntanse os tributos mentres en Galiza séguese o camiño contrario", analizou, comparando o modelo fiscal da Xunta co do goberno español e aproveitando para censurar o incremento de impostos.

No outro extremo, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, denunciou que a Xunta tentou "enmascarar" o que na realidade é un recorte nas políticas sociais. Un proxecto de orzamentos que o voceiro socialista dixo ver "escaso de ambición". "O que vale son os euros, e os euros baixan: en sanidade, en educación e en políticas de emprego", debullou, criticando o baile de porcentaxes presentado polo Goberno. De paso, Fernández Leiceaga botou man da hemeroteca para recordar que o actual presidente da Xunta dicía hai poucos meses que o endebedamento "era un problema". "E agora leva a Xunta á maior débeda da súa historia", laiouse. Para Leiceaga, a esaxerada débeda só sería admisíbel para o impulso da modernización do tecido produtivo. "Mais non é o caso", afirmou.

Pola súa banda, o BNG queixouse dos "plans de privatización" para os novos hospitais de Vigo e Pontevedra. "Non é máis barato nin máis rápido construír un hospital con financiamento privado", advertiu a voceira do grupo parlamentar do BNG en materia de sanidade, Ana Luisa Bouza. Para a deputada nacionalista, a consellaría de Sanidade bota man de "mentiras" para tratar de xustificar este escenario. "Ao custo de construción, haberá que sumar os beneficios que reclamará a empresa que financia o hospital", entre os que, advertiu, están "concesións sen concurso de servizos hospitalarios r compromisos de prestación de servizos en forma de alugueres e servizos non hospitalarios". "En aras dun maior beneficio económico, diminuirá o número de contratacións e empeorarán as condicións de traballo", reprochou e, citando os casos do Reino Unido e das comunidades autónomas de Madrid e Valencia, indicou que os modelos de financiamento privado deste tipo "fracasaron nos países que se implantaron".

A debate os días 15 e 16 de decembro
Os orzamentos para 2010 hanse aprobar definitivamente nun pleno específico a celebrar no Parlamento de Galicia entre os días 15 e 16 de decembro. A diferencia de anos anteriores, as forzas debaterán as contas para o próximo exercicio nunha sesión plenaria que estará dedicada en exclusiva a dar luz verde aos presupostos, segundo precisou o voceiro de Economía do PPdeG, Pedro Puy. Por iso, a Xunta de Portavoces acordou a súa "separación temporal" da sesión ordinaria prevista entre o 21 e 22 de decembro, a última de 2009. Tras a presentación e admisión a trámite, este luns, do proxecto de lei de presupostos na Cámara, a Mesa do Parlamento aprobará este martes o calendario de comparecencias na comisión de Economía dos distintos departamentos do Goberno para expoñer as contas. Estas intervencións realizaranse entre o xoves 22 e o 5 de novembro, día en que finalizará o prazo de presentación de emendas á totalidade, mentres que o das emendas parciais concluirá o 14 de novembro.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: