Na multitudinaria marcha participaron representantes sindicais e políticos, que reafirmaron o seu "compromiso" coa "solución democrática para o conflito vasco".
Varios milleiros de persoas manifestáronse este sábado polas rúas de Donostia, en resposta á convocatoria de ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, EHNE e HIRU para protestar polas detencións practicadas na operación do pasado 13 de outubro contra a suposta nova dirección de Batasuna.
Membros da esquerda abertzale ilegalizada pola Xustiza como Tasio Erkizia, Jone Goirizelaia, ou Nekane Erauskin ademais de representantes das institucións municipais, como a alcaldesa de Hernani, Marian Beitialarrangoitia, o alcalde de Urretxu, Iñaki Zabala, ou a edil de Hondarribia, Miren Legorburu, secundaron a convocatoria.
Tamén dirixentes doutras forzas políticas nacionalistas -PNV, EA ou Aralar- e integrantes de organizacións sociais e sindicais adheríronse á marcha, que discorreu baixo o lema "Askatasunaren alde. Eskubide guztiak guztiontzat" (A prol da liberdade. Todos os dereitos para todas as persoas).
Por parte do PNV participaron dirixentes como Joseba Egibar e Andoni Ortuzar, mentres que Eusko Alkartasuna participou cunha ampla representación composta por Peio Urizar, Koldo Amezketa e Jesús Mari Larrazabal, entre outros.
De Aralar estiveron, entre outros, Aintzane Ezenarro, Mikel Basabe e Rebeka Ubera e de Ezker Batua, Arantza González e Antton Karrera. Así mesmo, acudiron membros de Hamaikabat como Felix Arrieta e Izaskun Trabudua e representantes da sociedade vasca como os xornalistas Martxelo Otamendi e Josu Loroño, ou o ex presidente do Athletic de Bilbao José María Arrate.
Os manifestantes partiron pasadas as 17.00 horas do túnel de Ondarreta na capital guipuscoana, tras unha pancarta portada polos secretarios xerais e por delegados das centrais convocantes, coreando consignas en que se pedía a liberdade para os detidos.
Ao paso da marcha, milleiros de persoas que se atopaban aos lados foron sumándose entre aplausos á manifestación, reclamando democracia e liberdade para Euskal Herria e outros como 'PSOE e GAL son o mesmo'. Ao longo do percorrido tamén había numerosas pancartas reclamando a liberdade para os detidos, algunhas co logo de Batasuna.
Pasadas as 18.00 horas, a cabeceira da manifestación chegou ao Bulevar donostiarra, mentres que miles de persoas aínda percorrían as rúas da cidade. Nun escenario improvisado sobre un camión os secretarios xerais de LAB e ELA, Ainhoa Etxaide e Adolfo Muñoz, respectivamente, procederon á lectura en éuscaro e castelán dun comunicado en que agradeceron a multitudinaria participación.
Ao seu xuízo, esta resposta é unha mostra de que a sociedade vasca non está disposta a ser "suxeito pasivo" e que demanda este tipo de iniciativas que a fagan "protagonista". Así mesmo, ambos os dous dirixentes trasladaron a súa solidariedade coas persoas detidas e cos seus achegados, momento en que o discurso foi interrompido por aplausos e berros de 'Batasuna Aurrera'.
As centrais sindicais abertzales exixiron a posta en liberdade "de xeito inmediato e incondicional" de todos os detidos na operación ordenada pola Audiencia Nacional e consideraron que o exercicio dunha liberdade fundamental "non debería ser causa de detención nun sistema democrático".
Ademais, pediron a "inmediata derrogación" da Lei de Partidos que cualificaron de "inxusta". "O que o Estado vén facendo ao amparo do pacto antiterrorista subscrito por PP e PSOE en 2001 é un xenocidio político en toda regra ao que é preciso pórlle fin", remarcaron.
Finalmente, subliñaron que "non se resignan" a esta situación e reafirmaron o seu "compromiso" coa "solución democrática para o conflito vasco", ao que chamaron a sumarse ao conxunto da clase traballadora vasca. O acto finalizou con berros a favor da independencia do pobo vasco, tras o que se procedeu a cantar a Internacional e o 'Eusko gudariak'.
Máis información: