O máximo órgano de dirección dos socialistas fixo público un comunicado no que amosa a súa adhesión á mobilización de "Queremos Galego".
Ofrecémoslle o comunicado íntegro aprobado polos socialistas:
COMUNICADO DA COMISIÓN EXECUTIVA NACIONAL GALEGA PSdeG-PSOE
"O próximo domingo día 18, celebrarase en Santiago de Compostela unha manifestación en defensa da lingua galega convocada pola plataforma Queremos Galego, e baixo ese mesmo lema.
O Partido Socialista de Galicia considera acaída e necesaria esta manifestación, por canto cremos que a lingua galega precisa neste momento unha defensa activa.
Unha defensa activa do dereito dos cidadáns galego falantes, a usar a lingua da súa elección, tamén nas relacións coas administracións, e unha defensa activa da pervivencia da lingua galega como patrimonio da humanidade, agora seriamente ameazada.
Para acadar estes obxectivos é necesario recompoñer o consenso político, irresponsablemente rachado polo Partido Popular de xeito oportunista na pasada lexislatura, e evitar a apertura dunha fenda social en Galicia en dúas comunidades, en función da súa lingua.
As linguas non poden ser un elemento de confrontación, porque iso pode levar, efectivamente, á realidade de dúas comunidades enfrontadas, cos graves riscos que iso comporta.
Polo tanto, é preciso premer á Xunta para que reconduza a súa política lingüística, para que restableza o consenso que houbo neste país dende a primeira lexislatura da autonomía en 1981, e as linguas sexan un lugar de encontro.
Reiteramos pois o noso apoio á manifestación do próximo domingo día 18, e facemos un chamamento aos militantes e simpatizantes socialistas, así como a todos os galegos, a acudir a esta."
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2009