Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Queremos galego

Distintas voces para unha mesma lingua

Persoas de diferentes profesións e ideas políticas co nexo común do galego amosan o seu apoio á manifestación do domingo.

M. del Río - 12:55 16/10/2009

A intención de Queremos Galego é atraer toda a sociedade arredor da defensa da lingua. Así, entre as persoas que xa expresaron o seu apoio, de todos os sectores sociais, están os escritores Manuel Rivas e Yolanda Castaño, que non poderán estar na manifestación do domingo por problemas de axenda; Xurxo Souto, que interveu no acto de constitución; Susana Seivane, Celso Parada, Chano Rodríguez, Margarita Ledo, Teresa Moure, Kiko da Silva, Manuel Lourenzo, Pepe Carreiro, compoñentes de Quempallou, Fuxan os Ventos, Berrogüetto e Milladoiro... e unha longa lista de asinantes do manifesto.

Tamén asistirá xente de todas as sensibilidade políticas. O coordinador xeral do Partido Galeguista, Francisco López "Chesqui", constatou que "evidentemente estamos vivindo un momento delicado na historia, atreveríame a dicir", polo que é preciso "a defensa da nosa lingua". "Dende o Partido Galeguista estamos sorprendidos porque pensamos que esta situación xa estaba superada. Levamos dende 1982 cos nosos órganos de goberno e teñen transcorrido xa anos dabondo", explica López.

O debate sobre a lingua que se está a producir "só nos primeiros anos do Goberno era entendíbel. Para nós é sorprendente. Parece que estamos camiñando para atrás, como os caranguexos. Por iso, como non ía estar o 18 o PG a prol da dignidade da lingua?".

Para "Chesqui", "a lingua é como unha nai. Para todo aquel que se sinta galego e teña o país como propio, a lingua é a transmisión oral no sentido máis fondo da patria". Pensa que a defensa da lingua está "por riba de calquera opción partidaria".

A poeta María Lado tamén asinou o manifesto de Queremos Galego: "Realmente levoume unirme ao manifesto porque quero que no meu país a miña lingua non se estea vilipendiando. Esa foi a razón para que me unise, e concordo co que nel se di". Pero tamén lle dá importancia a estar presente na manifestación do domingo "porque é unha maneira de non sentirnos abandonados, porque parece que todo se uniu contra o galego, e atoparte con outros centos de persoas que che dan a idea de da magnitude do movemento".

Lado tamén ve importante a mobilización "para que os gobernantes vexan que a xente está en contra do que están a facer".

Nel Vidal, técnico de Normalización Lingüística do concello de Carballo, asegura que a manifestación é necesaria "por un compromiso cívico co noso país" e a situación de "desprotección oficial da lingua por parte da Xunta". Como mostra diso, citou a modificación da Lei de Función Pública, pola que "xa non hai que demostrar o coñecemento da lingua do país". Ao seu entender, estanse a tocar "os alicerces do consenso ao que se chegou despois da ditadura, como o Estatuto ou a Lei de Normalización Lingüística, da que mesmo hai propostas de modificación".

Vidal entende que a normalización lingüística "é un proceso social e participativo que debe asumir a propia cidadanía. As administracións teñen a obriga de apoiar ese proceso, pero é a cidadanía a que o ten que exixir, facer que a súa voz se escoite na rúa".

Con respecto á diversidade das persoas que participarán na manifestación do domingo, Nel Vidal considéraa "tremendamente positiva", pois "a diversidade é que haxa múltiples ideoloxías representadas por unha mesma causa, o que non quere dicir que non participen ideoloxías e opcións políticas, cantas máis mellor". A lingua é "patrimonio do conxunto do pobo galego e está por riba de calquera ideoloxía". Tamén sinalou que o domingo estarán en Compostela tamén organizacións que non se adheriron a Queremos Galego pero que asistirán para exixir a defensa da lingua.

O parlamentario socialista Guillermo Meijón lembrou o compromiso do PSdeG por pedir a participación na manifestación do domingo á cidadanía e "tamén aos cargos e á militancia". "Estamos ante un Goberno que só concitou na sociedade galega e nas súas institucións, como o Consello da Cultura ou a RAG, unha percepción de que o PP de Feijoo está a utilizar a nosa lingua como arma, a provocar un conflito lingüístico e a practicar a política da agresión", afirmou. Porque a nosa lingua "é un patrimonio que lles afecta tanto aos galegofalantes como aos castelanfalantes".

Para Meijón, o Goberno deu "un salto cualitativo de primeira orde, porque até agora respectárase o acordo das diferentes forzas parlamentarias, coa Lei de Normalización Lingüística, co Estatuto e co Decreto do galego no ensino, aínda que o PP o negue agora", e que amosou a súa vontade de "non respectar este marco". Os socialistas confían en que a convocatoria do domingo "sexa un triunfo de Galiza, da lingua galega", que apoiará coa presenza do seu secretario xeral, da executiva, de cargos institucionais, militantes e simpatizantes. "Queremos que a sociedade faga do galego un instrumento vivo e non de confrontación".

Fran Rei, voceiro de Queremos Galego, conta con que se batan todas as previsións de asistencia, como xa acontecera o 17 de maio, pero que, desta volta, "aprenderemos dos erros que se produciron, e que todo o mundo poida asistir ao acto final". Tamén garantirán a asistencia masiva a Compostela os autobuses que partirán de todos os recunchos de Galiza o domingo pola mañá. Os lugares de saída e os horarios están dispoñíbeis na web de Queremos Galego.


4,52/5 (33 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: