A iniciativa pretende sacar ao socialista Xosé López e poñer na alcaldía á conservadora Dolores Castro. Os concelleiros pediron a súa baixa no PPdeG.
Mentres que no Parlamento se estaban a discutir fórmulas para frear o andazo de tránsfugas que percorre o país, en Folgoso do Courel os catro concelleiros cos que conta o PP e un tránsfuga do PSdeG presentaban unha moción de censura contra o alcalde, o socialista Xosé López Fontal.
O martes os edís “populares” presentaron un escrito no rexistro no que sinalaban que abandonaban o grupo e que se pasaban a denominar Alianza polo Courel, aínda que pasen a integrarse dentro dos non adscritos. A previsíbel nova alcaldesa será Dolores Castro Ochoa, que encabezou a candidatura do PP en 2007.
Mentres tanto, nun ambiguo comunicado, o Partido Popular de Lugo anunciou que non pode apoiar a moción de Folgoso do Courel pero que comprende as razóns que levan a optar esta iniciativa.