Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Caso Gürtel

"Hai unha campaña instrumentada dentro do partido", advirte Fraga

En declaracións aos medios nos corredores do Senado, o ex presidente da Xunta reclamouse "inocente" ao respecto dos fíos da trama na época en que el lideraba o PPdeG.

Redacción - 19:25 07/10/2009

O ex presidente da Xunta de Galicia e agora senador do PP, Manuel Fraga, afirmou este mércores con respecto ás revelacións do sumario do denominado 'caso Gürtel' que ten "a impresión" de que existe "unha campaña preparada e instrumentada dentro do partido".

En declaracións aos medios de comunicación nos corredores do Senado tras o Pleno da Cámara, Fraga considerou que esta "campaña" foi "instrumentada dende todos os ángulos", pero sinalou que espera que "fracase".

Con respecto ao suposta financiamento ilegal do PP galego cando Pablo Crespo, implicado na trama corrupta, era secretario de Organización do partido por el liderado, Fraga afirmou que el foi "sempre inocente" e que segue sendo "incombustíbel", e engadiu que o seu desexo é que "todos puidesen dicir o mesmo". Segundo figura no sumario que tramita o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, Crespo relatoulle en prisión a súa muller o 20 de febreiro, días despois de ser detido por orde do xuíz Baltasar Garzón, que no seu día fixo entrega a Manuel Fraga dunha copia dos seus documentos sobre as contas do partido entre 1996 e 1999, das que el era responsábel.

"Sigo sen un can a día de hoxe"
"Absolutamente nunca tiven nada que ver nin nada que supuxese diñeiro mal gañado, e dende logo sigo sen un can até o día de hoxe", sinalou o ex presidente da Xunta nos corredores da Cámara Alta.

No que respecta ás consecuencias do levantamento parcial do segredo de sumario do 'caso Gürtel', indicou que o presidente do PP, Mariano Rajoy, "sabe perfectamente o que ten que facer" e que xa coñece a súa "opinión perfectamente". Segundo asegurou Fraga, dende a dirección do partido non se recibiu ningunha consigna a seguir despois de que onte se coñecese parte do sumario. De feito, subliñou que el mesmo sabe cales son as súas e que non necesita "consignas de ninguén".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: