Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SENTENZA HISTÓRICA

O TSXG anula a declaración de impacto ambiental da piscifactoría de Rinlo

Asenta un importante precedente ao aplicar a Directiva de Hábitats por vez primeira e podería ser extrapolábel a outros proxectos como o de Touriñán.

Redacción - 18:20 06/10/2009
Porto de Rinlo, onde estaba prevista a planta acuícola de Acuinor

Porto de Rinlo, onde estaba prevista a planta acuícola de Acuinor

"Trátase dunha sentenza histórica para o ecoloxismo e a sociedade galega", explica Apolinar Gómez Roca, o avogado de Adega. O TSXG resolveu anular a declaración de impacto ambiental feita pola Xunta do último goberno de Fraga e as licenzas de obra e actividade concedidas a Acuinor para a construción dunha piscifactoría en Rinlo (Ribadeo). Foi na sentenza do contencioso administrativo interposto polo colectivo ecoloxista contra a resolución da Xunta que aprobaba a devandita planta acuícola.

Importante precedente
A relevancia desta sentencia estriba en que é a primeira vez que no Estado Español se aplica a Directiva de Hábitats (por outra parte aprobada en 1992). O alto tribunal estima que a declaración de impacto "comete unha infracción relevante por inobservancia da lexislación ambiental de protección da Rede Natura". Deste xeito, por vez primeira recoñécese a protección destes espazos e obriga á Administración a que acredite no futuro que a instalación de calquera industria non produza ningún tipo de dano ambiental sobre eles.

En suma, a sentenza sinala na súa fundamentación argumentos que serán extrapolábeis a moitos outros proxectos que non foron obxecto dunha tramitación ambiental axustada a esta lexislación que protexe a Rede Natura. É mais, o Goberno deberá demostrar no futuro de xeito obxectivo antes de aprobar calquera obra deste tipo que non existe impacto negativo para o ambiente e, de haber hábitats prioritarios, só poderá alegar razóns imperiosas de interese público: como consideracións relacionadas coa saúde e a seguridade pública.

Rinlo, unha longa historia
No caso concreto de Ribadeo, o tribunal recoñece afeccións ao Lugar de Interese Comunitario (LIC) das Catedrais, por fragmentación e degradación dos hábitat protexidos alí presentes, mesmo hábitats prioritarios que por ameazados requiren medidas de especial conservación. O TSXG considera que "a execución do proxecto construtivo leva canda si unha afección significativa sobre o estado de conservación dos hábitats con prexuízo para a integridade do lugar".

Con todo, a día de hoxe, e logo dun longo proceso de oposición por parte de Adega, a costa ribadense non conta con esta planta acuícola. O colectivo ecoloxista felicítase porque "os tribunais déronnos sistematicamente a razón nas nosas demandas". Nun primeiro momento, absolvendo aos activistas dunha denuncia penal por coaccións logo de paralizar as obras da piscifactoría; despois, acordando a paralización cautelar das obras; a seguir, desestimando a demanda civil interposta por Acuinor reclamando a Adega unha indemnización de 30 mil euros e, finalmente anulando a declaración de impacto ambiental e as licenzas de obra e actividade do proxecto. Polo camiño, quedan aínda pendentes outras resolucións, como a demanda contra Ramón Álvarez Cascos por un suposto delito de ameazas e coaccións por enviar unha mensaxe dende o seu teléfono móbil á presidenta de Adega-Lugo.


Ligazóns

5/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os activistas de Adega foron xulgados e exculpados por paralizar as obras da piscifactoría
Os activistas de Adega foron xulgados e exculpados por paralizar as obras da piscifactoría
Os tribunais aprobaron a paralización, primeiro cautelar e logo definitiava, das obras
Os tribunais aprobaron a paralización, primeiro cautelar e logo definitiava, das obras
Esta sentenza é extrapolábel a casos como o de Touriñán ou a outros proxectos que non foron obxecto dunha tramitación ambiental
Esta sentenza é extrapolábel a casos como o de Touriñán ou a outros proxectos que non foron obxecto dunha tramitación ambiental