Colectivos sociais concéntranse diante da sede do alto tribunal. Logo da polémica decisión do xurado, a acusación particular pide que o xulgue un tribunal profesional.
A acusación particular, e a pública, solicítanlle ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a nulidade da sentenza, ditada por causa do veredicto dun xurado popular, que absolveu o acusado confeso do asasinato en Vigo, hai tres anos, dunha parella homosexual. A vista polo recurso contra esta sentenza ten lugar este martes na sede do tribunal, na cidade da Coruña.
Aló tiñan previsto concentrarse amigos e familiares dos finados, en protesta pola sentenza absolutoria coñecida hai agora sete meses. "Converteuse nun escándalo internacional por ser paradigma do chamado pánico gai, ao ser terribelmente esclarecedora da arraigada homofobia", critican ao respecto desde o colectivo Maribolheras Precarias, esixindo a anulación do que cualifican de "vergoñento xuízo". Advirten de que casos coma este "abren a veda á impunidade na comisión de crimes de odio".
Reclaman un novo xuízo "sen xurado"
O acusado, Jacobo P.R., foi condenado a 20 anos, mais só por un delito de incendio, quedando absolvido polo asasinato. O avogado da acusación particular, Tomás Sandomingo, expón que o xurado entrou nunha "contradición evidente" nos argumentos esgrimidos para chegar ás conclusións ás que chegou. Lembrámoslles que o citado xurado considerara que Jacobo apuñalou as vítimas, ás que lle asestou un total de 57 facadas, en "defensa propia" nun caso, e movido por un "medo insuperábel" no outro caso.
Por este motivo reclaman a anulación da sentenza e a celebración dun novo xuízo. Ao respecto, piden que se celebre unha nova vista oral e que os feitos sexan xulgados por un tribunal profesional. Doutra banda, a fiscalía solicita que o novo procedemento sexa con xurado e pide a rebaixa da pena por delito de incendio de 20 a 10 anos.