O ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco, advirte que o TSXG "suspende pero non anula" o decreto e atribúello a que o actual Goberno "non o defendeu" diante dos maxistrados.
"É indubidábel que o decreto adáptase á lei", insistiu este venres Fernando Blanco, ex conselleiro de Industria e deputado do BNG, recordando o informe da asesoría xurídica da Xunta que certifica esa legalidade. "Ese que Guerra tratou de ocultar", denunciou en referencia ao actual conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.
Por outro lado, Fernando Blanco considerou urxente que a Xustiza resolva canto antes sobre a legalidade do decreto eólico aprobado polo bipartito. Ao respecto, prognosticou que ao final haberá unha sentenza favorábel a aquel texto e que daquela, os recursos presentados, como o agora aceptado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), serán analizados simplemente "por se poden supor algunha modificación". "E nada máis", sentenciou Blanco, subliñando que o concurso "está adxudicado".
Ao fío do acontecido co recurso concreto que este venres é noticia, o deputado do BNG, atribuíullo á falta de actuación do actual equipo na Xunta fronte a este proceso nos tribunais. "Imaxino que cando o xuíz pediu información ao Goberno, este non defendeu o decreto anterior, que suspenderan en agosto", interpretou. Ao fío, recordou que inicialmente, fronte a unha demanda presentada por Endesa contra o mesmo decreto do bipartito, "un letrado da Xunta desmontou unha detrás doutra todas as queixas interpostas pola empresa".