Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O futuro da UE en xogo

Irlanda decide en referendo, outra vez, se acepta o Tratado de Lisboa

A deste venres é a segunda votación dos habitantes da illa en menos de ano e medio.

Redacción - 13:15 02/10/2009

Pouco máis de tres millóns de persoas están convocadas a participar no segundo referendo organizado nos últimos 16 meses en Irlanda sobre o Tratado de Lisboa. O seu resultado decidirá en boa medida o futuro da Unión Europea.

Na primeira votación, en xuño de 2008, o 53% dos irlandeses que acudiron ás urnas rexeitaron o Tratado, encamiñado a axilizar a toma de decisións no seo da UE e a ampliar as facultades dos parlamentos estatais e da Eurocámara.

As últimas enquisas auguran esta vez un voto maioritario do 'Si', debido, sobre todo, á desastrosa situación económica que atravesa actualmente o país. O primeiro ministro irlandés, Brian Cowen, advertiu de que o seu país perdería a confianza da UE se se impón novamente o rexeitamento.

Os defensores do Tratado advirten de que un voto negativo escorrentaría os investidores e traería consigo a destrución de postos de traballo. Os partidarios do 'Non' sosteñen, pola contra, que se creará un superestado europeo con maiores restricións para a independencia política de Irlanda.

Concesións en troques da votación
Para propiciar a aprobación do tratado, que só pode entrar en vigor se o ratifican os 27 países membros da UE, Irlanda obtivo algunhas concesións, entre estas a permanencia dun comisario propio no Executivo de Bruxelas.

Irlanda é o único país do bloco europeo que ten unha Constitución obriga a convocar un referendo sobre o Tratado de Lisboa. No caso de que o 'Non' se volvese impor neste segundo referendo, a UE daría por fracasado o seu proxecto de reforma.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: