Segundo os seus cálculos, para o 2010 a economía do mundo medrará o 3,1%, seis décimas máis que no seu anterior vaticinio.
O Estado Español pechará este ano cunha taxa de paro do 18,2%, segundo o FMI
A recuperación será lenta, mais a recesión mundial rematou. Así o adiantou o Fondo Monetario Internacional (FMI), quen elevou as previsións de crecemento ante o forte tirón de Asia e os sinais positivos da economía do resto do planeta.
Segundo estes novos cálculos, o mundo contraerase en 2009 tres décimas menos que o previsto en xullo, até o 1,1%; e para o 2010, o FMI vaticina un crecemento do 3,1%, seis décimas máis que o seu anterior vaticinio.
Estado Español
No caso do Estado Español, o FMI revisou á alza os seus prognósticos para a economía en 2009, ao augurar unha contracción do 3,8% para este ano, fronte ao 4% estimado en xullo. Para 2010 agarda un retroceso do 0,7%, unha décima mellor que as anteriores proxeccións da institución (-0,8%).
Esta actualización de previsións volve presentar un escenario máis pesimista para a economía española que o previsto polo goberno español, que agarda unha contracción do 3,6% do PIB en 2009 e unha caída da actividade económica do 0,3% en 2010.
Nas súas previsións, o FMI augura que o Estado Español pechará o presente exercicio cunha taxa de paro do 18,2% e do 20,2% en 2010. Mentres, prevé que o IPC rexistre en 2009 un descenso do 0,3% e que en 2010 se volva ao terreo positivo, cun aumento dos prezos do 0,9%.
Finalmente, incide na gravidade da crise inmobiliaria, a peor de Europa, xunto coa de Irlanda e Reino Unido, e subliña que o deterioro do sector da construción é unha das principais causas que explican o aumento do desemprego.
Revisión por países
Estados Unidos contraerase un 2,7% este ano, mais sumará un crecemento positivo do 1,5% no 2010. Mentres, na zona euro pasarase dun 4,2% negativo no 2009 a un 0,3% positivo o ano que ven.
Pola súa banda, os mercados emerxentes experimentan un crecemento máis acelerado. China expandirase un 8,5% no 2009 e un 9% no 2010; Brasil, o máis beneficiado polas revisións de datos, contraerase un 0,7% no 2009 e medrará un 3,5% no ano seguinte.