Os dous deputados do BNG, que poden ser necesarios para a aprobación do texto, anunciaron a súa negativa ao proxecto.
Elena Salgado posa co proxecto de presupostos
O proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2010 presentado este martes no Congreso dos Deputados recibiu reaccións diversas entre as principais forzas políticas do país. Segundo o texto exposto pola ministra Elena Salgado, Galiza recibirá un investimento de pouco máis de 2.004 millóns de euros, fronte aos 2.116 de 2009. Isto supón un descenso do 5,45 por cento.
Non do BNG
O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, afirmou que a súa formación votará en contra do documento se non hai "cambios significativos". Os motivos para a súa negativa son, entre outros, o incremento do IVE, que prexudica as rendas "medias e baixas", o descenso do investimento en Galiza e a escasa dotación para o TAV.
O deputado nacionalista subliñou que é a primeira vez "en moitos anos" que se produce un descenso "moi negativo" do investimento en Galiza, cun orzamento total "de aproximadamente dous mil millóns de euros", o que supón "uns 113 millóns menos que no exercicio anterior". Con respecto ao TAV, considerou que a única partida de 40 millóns para o treito Lubián-Ourense "non se corresponde coa promesa de millóns".
O PP agoira máis crise
O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, cualificou a intención do presidente do goberno español de "arruinar os galegos de clase media e baixa" e de "endosarlles" o gasto dunha crise que "primeiro negou e despois non soubo xestionar". Rodríguez Miranda calculou en "máis de 530 euros" a cantidade que Zapatero lle "usurpará" a cada galego, entre o aumento "desmedido" dos impostos e a retirada da axuda dos 400 euros.
Tamén acusou a Zapatero de estar "empeñado en contradicir decenios" de teoría económica, pois, ao seu xuízo "a maiores impostos, menor consumo, menor crecemento empresarial, menos emprego, máis paro e máis crise". Ao seu entender, os primeiros datos sobre as partidas destinadas a Galiza son "pésimos" e indican que o país "volverá estar condenado" a ter "menos fondos dos que precisa", polo que exixiu que non reciba "nin un euro menos dos 2.150" do ano pasado.
"Positivos para Galiza", segundo Louro
O delegado do goberno español en Galiza, o socialista Antón Louro, cualificou os datos de "moi positivos para Galiza", pois "garanten o compromiso investidor para a modernización das grandes infraestruturas". Valorou especialmente a "dimensión social" dos Presupostos Xerais, "á que destina máis da metade dos fondos".
Louro lembrou que vai haber "un recorte dos gastos correntes", co fin de "aumentar a protección social", mentres se mantén o esforzo investidor "para seguir estimulando o emprego". Xustificou a suba de impostos para "poder dar cobertura ás necesidades de protección social".