Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Exploración sobre os espazos

O documental '36/75' revisa o concepto de memoria histórica

A mediametraxe de Xurxo González estréase o martes 29 no CGAI da Coruña.

Redacción - 12:45 26/09/2009
Xurxo González, director de "36/75"

Xurxo González, director de "36/75"

36/75 é un documental sobre a memoria histórica. A Guerra Civil e a Ditadura están presentes na nova produción de Xurxo González, pero non aparecen como reconstrucións históricas, voces en off e narracións a cámara. En 36/75 sucédense os espazos esquecidos, que volven ao presente para forzar a lembranza dos feitos alí sucedidos.

O documental preséntase este martes 29 de setembro ás 20.30 horas no Centro Galego das Artes da Imaxe da Coruña. Xurxo González presenta unha serie de espazos do presente nos que sucederon episodios que marcaron o inicio da Guerra Civil no concello da Guarda. “O documental céntrase nos lugares nos que ocorreron acontecementos conflitivos que foron esquecidos pola historiografía e incluso polos veciños”.

Unha esquina, un bar, unha ruela... Coa colaboración de J. A. Uris e Luís Cividanes, o filme achégase a 26 lugares apartados da memoria histórica e popular. Cada un deles preséntase nun plano fixo de 75 segundos, gravado durante as Eleccións de 2009. Para plasmar a dificultade de lembrar, “uso unha linguaxe audiovisual violenta para o espectador, nada convencional”, explica o director.

Un proceso máis abstracto

O filme reflexiona sobre “o mecanismo de selección de recordos, a natureza do esquecemento, a instrumentalización política da memoria, a fraxilidade da lembranzas, a convivencia co pasado, o proceso rememorativo, a escritura tendenciosa da Historia, a resistencia documental, a emerxencia do carácter fantasmal do cinema”. O documental está dedicado a Manuel Domínguez Pacheco “Taxota”, destacado loitador pola memoria histórica na Guarda.

36/75 abre unha nova etapa na obra do realizador d´Os señores do vento, centrada agora no espazo. “É unha perspectiva que me interesa moito, considero que a mirada cara ao espazo marca os camiños máis vangardistas do cinema contemporáneo”. O director explica que o seu novo documental implica “un proceso de busca máis abstracto, máis complicado para o espectador, pero máis rico en resultados”.


4,5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: