O goberno golpista decidiu estender o toque de queda que estabeleceu o luns, interrompido esta cuarta durante unha horas, e que rematou esta quinta.
As tendas ficaron desabastecidas
Cando menos un home morreu debido aos disparos da policía de Honduras, horas antes de que reprimise unha protesta cidadá a prol do presidente Manuel Zelaya, refuxiado na embaixada de Brasil. Milleiros de seguidores do líder deposto foron dispersados con gases lacrimóxenos cando intentaban chegar á sede diplomática.
Logo dos enfrontamentos, nos que podería haber máis vítimas mortais, o goberno golpista decidiu estender o toque de queda que estabeleceu o luns e que interrompeu esta cuarta feira durante unhas poucas horas para que a xente puidese abastecerse, provocando que se chegasen a situacións que rozaron o saqueo. O toque de queda rematou esta quinta.
Mentres, a comunidade internacional redobrou a presión sobre o goberno golpista. Os líderes do mundo exixiron na ONU a volta ao poder de Zelaya. "De non existir vontade política, imos presenciar outros golpes como o que depuxo o presidente constitucional de Honduras", advertiu o o presidente brasileiro, Lula da Silva.
A presidenta da Arxentina, Cristina Kirchner, pediu "unha estratexia multilateral forte e precisa" para obrigar os golpistas de Tegucigalpa a aceptaren o retorno á orde democrática, e denunciou un trato ás embaixadas estranxeiras "peor" que baixo as ditaduras de Pinochet ou Videla.
A súa homóloga chilena, Michelle Bachelet, tamén reclamou que se asine "de inmediato" o Acordo de San José, que prevé a reinstauración de Zelaya.