Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Solidariedade con Massó

En liberdade os mariñeiros detidos en Cangas

Un concerto solidario xuntará fondos para a defensa das 16 persoas que serán xulgadas o martes por unha sentada en xullo.

Redacción - 12:15 23/09/2009

Os dous mariñeiros detidos este martes en Cangas foron postos en liberdade esa mesma tarde. As detencións producíronse cando participaban nunha protesta que tentaba impedir o paso de camións ás obras do porto deportivo de Massó. Agora están pendentes dunha citación xudicial, xa que se lles atribúe un suposto delito de desorde pública e coaccións.

O avogado da Confraria San Xosé de Cangas, Alberto Muñoz sinalou que os dous detidos estaban a “manifestarse pola situación ilegal” que se producía ao ignorar os camións os sinais que lles prohiben o acceso á zona na que se está a construír o porto deportivo. O avogado salientou que as detencións absurdas, porque mentres os camións circulaban co beneplácito da Garda Civil, “os detidos foron os mariñeiros que se manifestaban”.

As detencións producíronse durante a protesta espontánea de veciños de Cangas ao coñecerse a presenza de vehículos pesados que pretendían trasladar pedra e terra á obra no porto de Massó, que non conta con licenza municipal. Ao mediodía sumáronse á protesta os mariñeiros chegados do mar, entre os que se atopaban os dous irmáns detidos e agora postos en liberdade.

Concerto solidario
Á protesta contra a construción do porto deportivo no Salgueirón sumaranse varios grupos galegos. O concerto “S.O.S. Massó” celébrase este sábado no campo de fútbol de Monte Carrasco, onde actuarán O Sonoro Maxín, Dios Ke Te Crew, Dakidarría e Stupenda Jones, catro grupos que renunciaron a cobrar polas súas actuacións. O Leo i Arremecághona será o encargado de presentar o concerto.

O concerto pretende apoiar as manifestacións, pero non só desde o punto de vista simbólico. A entrada custa 5 euros, e todos os beneficios se destinarán a un fondo solidario pola defensa de Massó. Ese fondo ten como obxectivo pagar os avogados e as posíbeis multas ás 16 persoas detidas o 20 de xullo cando realizaban unha sentada pacífica no lugar no que se pretende construír o porto deportivo. Os xuízos a estes imputados comezan na mañá do martes 29 de setembro nos xulgados de Cangas.


Ligazóns

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: