Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Honduras

Intensas xestións de Lula para que Micheletti negocie con Zelaya

O brasileiro exixiu que se respecte a integridade da embaixada brasileira. O presidente golpista ofrece condicións que o electo polo pobo rexeita.

Redacción - 09:00 23/09/2009
A Policía acordoa a embaixada

A Policía acordoa a embaixada

O presidente brasileiro, Luiz Inácio Lula da Silva, exixiulle ao goberno golpista hondureño que respecte a integridade da embaixada de Brasil en Tegucigalpa, onde permanece refuxiado Manuel Zelaya. Os servizos de auga, electricidade e teléfono na zona da sede diplomática foron cortados.

"Esperamos que os golpistas non entren", afirmou Lula, que está a realizar intensas xestións na sede da ONU, en Nova York, onde pronunciará esta cuarta o discurso de apertura da Asemblea Xeral, para que o réxime de Roberto Micheletti acepte iniciar unha negociación co presidente constitucional hondureño, informa a Folha.

Ao respecto, o chanceler Celso Amorim, que acompaña o Lula na súa viaxe, sostivo que Brasil non tolerará ningunha acción en contra da súa embaixada en Tegucigalpa. Ademais, segundo a axencia ANSA, o Executivo brasileiro pediu unha reunión urxente ao Consello de Seguridade da ONU.

"Considerando as medidas tomadas, o meu Goberno está preocupado pola seguridade do presidente Zelaya e pola seguridade e a integridade física do persoal da embaixada e as instalacións da sede", reza a petición realizada pola embaixadora brasileira ante a ONU, Maria Luiza Ribeiro Viotti.

Plan de asasinato

Por outra banda, Zelaya denunciou a existencia dun plan dos golpistas para tomar o edificio, capturalo e asasinalo. "Xa teñen dispostos mesmo os forenses para declararen que foi un suicidio", sinalou nunha entrevista a Telesur

Ademais, cualificou de "manipulación" a oferta de Micheletti de iniciar conversas, condicionadas polo recoñecemento da legalidade dos comicios convocados para novembro. 

Nas rúas, grupos de manifestantes desafiaron o toque de queda, e producíronse numerosas detencións. Xa pola mañá, este martes, a Policía cargou contra os centos de persoas reunidas arredor do edificio.

Xornalistas galegos na fronteira
Segundo informan no seu blog, cinco xornalistas da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) permanecen en Nicaragua á espera de poder cruzar a fronteira con Honduras, onde se dirixían para realizaren reportaxes sobre a vida dos pescadores do Golfo de Fonseca.

"A noticia deixounos dunha peza", afirman sobre o regreso de Celaya xa que lles impide "continuar co noso labor". "E o peor é ver como a decisión dunha soa persoa pode cambiar todo o que outros centos organizan", lamentan.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Grupos de cidadáns saíron ás rúas malia o toque de queda imposto
Grupos de cidadáns saíron ás rúas malia o toque de queda imposto
Zelaya permanece refuxiado na sede diplomática brasileira
Zelaya permanece refuxiado na sede diplomática brasileira
Aparentemente, Micheletti segue a ignorar a presión internacional
Aparentemente, Micheletti segue a ignorar a presión internacional