Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O XOGO DE ESCRIBIR

Arume, para que "os nenos teñan o gusto da poesía"

A Fundación Xosé Neira Vilas presenta as bases da quinta edición dos premios de lírica infantil

I.A. - 12:50 23/09/2009

A Fundación Xosé Neira Vilas convoca a quinta edición dos premios Arume de poesía infantil. Este concurso nace no 2001 co fin de que "os nenos teñan o gusto da poesía", afirma Neira Vilas. Os chamados a participar serán todos aqueles que presenten textos inéditos de 350 versos como mínimo. 


Nos traballos, que deberán presentarse antes do 31 de outubro, teranse en conta valores como a "calidade" e que sexa "unha poesía realmente para nenos". En Cuba, Neira Vilas xa traballara cos máis pequenos "que son os máis desvalidos". Xunto coa súa muller, Anisia Miranda, dedicaronse a crear un xornalismo para os cativos nas revistas infantís Zunzun e Bijirita. Deste xeito comezan a súa andaina os concursos, Arume e Estornela, que alternan a súa celebración. Estornela, "ou billarda, como o xogo", consiste nun premio de teatro infantil. Así mesmo, escolleuse o nome Arume para o premio bianual "pola cuestión poética. Arume -folla dos pinos- aparece no himno de Eduardo Pondal, 'arume arpado'", explica Neira Vilas. 

Co premio de poesía, desde a fundación pretenden que "os nenos participen no mundo da lírica". En opinión do autor pontevedrés, a poesía infantil non está suficientemente estendida, e é por iso que a asociación "pretende encher este baleiro" achegando aos nenos á arte. O poeta revela que escribir para os máis pequenos é unha cuestión de "vocación e disposición". Asegura que "cada autor ten que retroceder na súa propia vida" para recordar o que lle gustaba na infancia. Trátase de "querer cantar para nenos", di Neira Vilas. 

Os versos gañadores 
En anteriores edicións foron galardoados autores coma Xosé Mª Álvarez Cácamo, Helena Villar, María Campo ou a gañadora en 2007, Concha Blanco, pola obra Os cantos da rula. A entrega do premio terá lugar en decembro. No acto adoitan participar nenos que recitan os versos do libro vencedor, publicado por Edicións do Castro.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Fundación Xosé Neira Vilas convoca a 5º edición dos premios Arume
A Fundación Xosé Neira Vilas convoca a 5º edición dos premios Arume
Xosé Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda
Xosé Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda