Considera que esta redución permitirá “manter e aumentar” o gasto social malia a baixada de ingresos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou como pensa afrontar o seu Goberno a baixada de ingresos nos orzamentos da Xunta para o 2010. Se a conselleira de Facenda falou o martes da posibilidade de recorrer a fórmulas público-privadas para impulsar servizos e infraestruturas, Feijoo sinalou este xoves que os gastos da maquinaria administrativa galega se reducirán nun 15%, e que isto permitirá “manter e aumentar” o gasto social “porcentualmente e cuantitativamente”.
Feijoo indicou que esta redución afectará a partidas destinadas a dietas, telefonía e viaxes, ao que desde a Consellaría de Facenda engadiron material de transporte, mobiliario, atención protocolaria, publicidade e propaganda. O presidente non precisou en que cantidade se traducirá esta rebaixa.
Ao igual que fixera hai dous días a conselleira Marta Fernández Currás, Feijoo recoñeceu que a Xunta recorrerá a un endebedamento “produtivo e prudente” para paliar a caída de ingresos prevista e poder manter o gasto en educación, sanidade e servizos sociais. Para o 2010, o Executivo galego prevé un crecemento do PIB de 0,7 puntos.
Reclamacións a Zapatero
Núñez Feijoo describiu as contas do ano vindeiro como “austeras e realistas”, e sinalou que nacen lastradas por unhas previsións económicas “irreais”, pola débeda de 1.900 millóns que o Estado lle reclama a Galiza e porque o Goberno de Madrid “non dá sinal de estar disposto” a financiar la Lei de dependencia.
Ao Executivo de Zapatero reclamoulle que nos próximos orzamentos xerais do Estado manteña como mínimo a cantidade consignada a Galiza no 2009, cifrada en 2.145 millóns de euros. Tamén o instou a que execute o gasto comprometido para este ano, e criticou que “se incumpre sistematicamente”.
Busca de consenso
Feijoo dixo que buscará o “consenso” na aprobación dos orzamentos, para o que reclamou “altura de miras” a PsdeG e BNG, aos que asegurou “a súa man tendida”. A Consellaría de Facenda convocou aos tres grupos parlamentarios, as sindicatos e á patronal para expoñerlles as liñas estratéxicas das contas públicas. A primeira desas reunións será o venres co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla.