Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Galardóns de cómic

El Patito Editorial recibe o premio Ourense de banda deseñada

“As serpes cegas”, primeiro álbum publicado por BD Banda, gaña o Premio da Crítica.

Redacción - 19:10 16/09/2009

A aparición de editoriais galegas especializadas en banda deseñada é un dos alicerces do bo momento que vive a oitava arte no país. As editoriais súmanse agora súmanse aos autores galegos á hora de recibir premios e recoñecementos. Na súa vixésima edición, o Premio Ourense de BD decidiu recoñecer a traxectoria curta pero intensa de El Patito Editorial, ao tempo que o álbum As serpes cegas, publicado por BD Banda foi elixido como mellor álbum do ano no Estado nos Premios da Crítica.

A Casa da Xuventude de Ourense e a Concellaría de Cultura desta cidade recoñecen cada ano unha iniciativa ou traxectoria significativa relacionada coa banda deseñada galega. Este ano o premio foi para El Patito Editorial “polo seu labor na publicación de cómic e por dar nel especial cabida aos autores galegos e á edición en lingua galega, aínda que sen se pechar a outros autores e linguas”. O premio consiste nun trofeo deseñado polo artista plástico Manolo Figueiras, e será entregado o 1 de outubro no acto de inauguración das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense.

O proxecto de Fausto Isorna e Gemma Sesar naceu en outubro de 2007. Desde entón El Patito Editorial recuperou clásicos como Dudi, e xuntou a obra dispersa de Primitivo Marcos, Norberto Fernández, Fran Bueno e Emma Ríos. Publicou os últimos premios Castelao de BD e está a levar adiante o proxecto de traducir ao galego toda a obra de Miguelanxo Prado, comezando polo seu primeiro traballo profesional, Os compañeiros: A orde da pedra. El Patito Editorial únese a unha listaxe de premiados na que tamén figuran, entre outros, Xaquín Marín, Miguelanxo Prado, Fausto Isorna, o Xabarín Club, o Festival Viñetas desde o Atlántico, a revista Golfiño ou o Colectivo Polaqia.

Premio da Crítica
Outra iniciativa premiada no seu día en Ourense foi BD Banda. A editorial nacida daquel proxecto segue a apañar éxitos. O seu primeiro álbum publicado vén de recibir dos galardóns nos Premios da Crítica, cos que a revista Dolmen recolle as preferencias de críticos e especialistas. As serpes cegas logrou o premio ao mellor álbum, e o seu autor, o valencián Felipe Hernández Cava, o de mellor guionista. No camiño quedaron outras candidaturas galegas que non foron premiadas: Miguelanxo Prado aspiraba ao premio a toda unha carreira, que recaeu en Luis García; e José Domingo figuraba entre os finalistas para mellor debuxante polo seu traballo en Cuimhne, el fuego distante.

Novas viñetas do Carrabouxo
Por outra parte, este mércores foi presentado en Ourense unha nova recompilación de viñetas de Xosé Lois sobre o seu personaxe “O Carrabouxo”. O libro recolle case 400 viñetas publicadas entre 2001 e 2007 polo humorista no xornal La Región. Edítao a Deputación de Ourense. O seu presidente, Xosé Luís Baltar, felicitou ao autor polos seus case 27 años de "retranca".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: