O texto, presentado por ERC e apoiado por todos os grupos do Congreso agás o PP, contempla cooperar con estados europeos do mesmo dominio lingüístico.
O goberno español deberá comparecer perante a Comisión Mixta da UE antes de fin de ano para dar conta do grao de cumprimento dos acordos asinados en materia de linguas cooficiais. A medida deriva dunha proposición non de lei presentada por ERC-IU-IPCV sobre medidas para o impulso do galego, do catalán e do éuscaro no marco da UE, aprobada pola Comisión Mixta do Congreso.
Segundo o texto, o Congreso insta o goberno español a presentar as medidas previstas para impulsar e formalizar o acordo co Europarlamento para o uso das linguas cooficiais e as actuacións dirixidas a estados membros cos que se comparte dominio lingüístico para estabelecer medidas de cooperación.
O defensor da proposición, Joan Tardà, lamentou que o executivo estea mudo respecto á información sobre temas lingüísticos e a súa relación coa UE. Pediulle ao goberno español que lle poña máis vontade. Os grupos socialista, CiU e Entesa apoiaron a iniciativa, mentres que o PP votou en contra.