Outros 160 millóns empregaranse para despregar a TDT e modernizar as redes da Administración e da investigación.
O Goberno anunciou que investirá 102 millóns de euros até 2013 no Plan Director de Banda Larga, o primeiro elaborado no país. O Consello da Xunta aprobou a elaboración do plan que definirá o mapa de infraestruturas de telecomunicacións de banda larga e a estratexia de despregamento da mesma para que a meirande parte da cidadanía e das empresas dispoñan de banda larga de calidade ao remate do seu prazo de actuación.
O plan forma parte da pretensión do Goberno de darlles prioridade ás novas tecnoloxías para impulsar a competitividade e a modernización dos sectores produtivos de Galiza. O documento enmárcase na estratexia global de telecomunicacións en Galiza que o Goberno pretende poñer en marcha entre 2009 e 2013 e investirá máis de 260 millóns de euros entre o plan de banda larga, o despregamento da TDT, a modernización das redes de telecomunicacións da Administración e a mellora da rede de investigación.
Co plan preténdese acabar, de vez, coa fenda dixital e co atraso que sofre Galiza en todo o que se refire ás novas tecnoloxías e ás telecomunicacións. Así mesmo, responde ao chamamento feito pola Comisión Europea para que se desenvolvan as TIC no eido rural en 2010.