CIG-Ensino, CCOO-Ensino, FETE-UXT e STEG amosaron o seu rexeitamento por non se abordar na xuntanza a retirada da circular das EOI.
Todos os sindicatos, agás ANPE, abandonaron a Mesa Sectorial de Educación pola negativa da consellaría de negociar a Circular 5/2009, que modifica as condicións laborais das Escolas Oficiais de Idiomas e que é o motivo da convocatoria dunha folga neses centros os días 9 e 10 de setembro.
CIG-Ensino, CCOO-Ensino, FETE-UXT e STEG reclamaron que se suspendese a Mesa Sectorial até despois da convocatoria de folga e que se tratase a retirada da circular, que todas as organizacións representadas na mesa sectorial pediron que se retirase por vulnerar o dereito á negociación ao aplicarse unilateralmente pola consellaría.
Porén, segundo afirman nun comunicado conxunto as organizacións sindicais, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Xosé Luís Mira Lema, negouse a introducir eses puntos e non deixou que os sindicatos fixesen a súa exposición de motivos, xustificándose en que na Mesa Sectorial só se tratarían os temas propostos pola consellaría.
Os sindicatos consideran que a actitude de Educación é "autoritaria e negadora do diálogo", por impoñer a orde do día e non atender as peticións das organizacións. Por esa actitude "inquisitorial", as catro forzas abandonaron a mesa de negociación e lamentaron que ANPE "siga o xogo da consellaría", avalando a continuidade da mesa.
A folga de dous días iniciarase o mércores 9. Ese mesmo día, ás 11.30 horas, realizarase unha concentración perante a Consellaría de Educación para reclamar a retirada da circular e na defensa do ensino público.
Pola súa banda, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria cualificou de "intolerábel e inconsciente" a actitude do colectivo sindical, ao que acusou de "non ter verdadeiro interese en levar adiante os temas relativos á mellora no sistema educativo".