Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica desde Palestina

O crecemento de Xudea e Samaria

Moncho Iglesias analiza o anuncio do gobierno israelí de continuar a construción de vivendas nos territorios ocupados de Cisxordania.

Moncho Iglesias Míguez - 12:00 08/09/2009
O avance dos asentamentos / Foto: M.I. (clique para ampliar)

O avance dos asentamentos / Foto: M.I. (clique para ampliar)

A semana comezou, en Palestina, con promesas e actuacións que claramente delimitan as liñas trazadas durante o medio ano de cambio de goberno en Israel. Netaniahu, partidario de reducir a construción de asentamentos en Cisxordania e incluso conxelar a ampliación dos mesmos, deu o visto bo á idea de aumentar o número de habitantes en colonias e conxelar as vías de escape palestinas.
 
Os asentamentos, que moitas veces empezan con grupos pequenos atrincheirados en tendas de campaña que cren unha reconstrución dos títulos de propiedade impresos nos manuscritos bíblicos, derivan en vilas e cidades grazas ao auspicio do goberno e a protección militar que os recobre. Así, dende que o goberno israelí anunciou a paralización da edificación de novos asentamentos, sen discutir o permiso para crear 455 novas vivendas e continuar os cimentos doutras 2500, os disturbios pragaron as veciñanzas que comparten palestinos e reparten israelís.

O exército israelí entrou dentro dos límites das cidades atrapadas entre colonias, xustificando as decisións do goberno e defendendo posturas contrarias para defensores e detractores. Dende Ienín ata Hebrón, os enfrontamentos entre soldados e grupos xuvenís palestinos se repetiron estes días, xirando a tensión en torno a o grupo de asentamentos que, baixo ningún pretexto, pensa abandonar Israel: o bloque que inclúe as colonias máis grandes, nos cumios máis importantes, Ariel, no Norte, preto de Nablus; Modi’in Ilit, no centro, preto de Ramallah, e Gilo, nas aforas de Belén.

Os palestinos que viven en illas desérticas rodeadas de murallas de tellas vermellas, como os de Azzun, no centro do país, protestan contra a decisión da conxelación de asentamentos inexistentes, mentres se propagan os xa existentes. Ao mesmo tempo, os israelís que habitan os arquipélagos que inundan Cisxordania cualifican de inxusta unha decisión que, en palabras do Ministro de Infraestruturas, Uzi Landau, “viola os dereitos humanos”, ao prohibir que os fillos de Israel constrúan casas e xardíns nunha terra que “só a eles lles pertence” e que “ocupan” os palestinos. A coincidencia no termo inxustiza non une os lindeiros entre esas illas artificiais creadas no deserto, e no propio goberno israelí, as críticas se aceleran nunhas beiras e noutras.

Dentro do Partido Laborista, do viceprimeiro ministro, Barak, critícase a postura deste último, ao considerala demasiado achegada ás pretensións integristas da dereita israelí e afastadas dos ideais dun partido case na oposición. Para Kadima, a decisión de Barak só fai que o seu partido se solape dentro do Likud; mentres para o Partido Nacional Relixioso, “é un crime conxelar a vida en Xudea e Samaria”. Seguindo esta postura, varios grupos de colonos levantaron oliveiras plantadas nos lugares chamados a converterse en novas colonias, e atacaron a decisión intentando ocupar casas e terreos alleos.

A resolución será unha continuación dunha ruta de desprazamentos para o pobo palestino, asolagado en illotes cada vez máis separados entre si, e cada vez máis faltos de independencia e sobrados de ocupación. En definitiva, outro paso atrás no proceso de paz.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: