O Goberno zanxa o debate sobre A Coruña ao sinalar que manterá a forma do país. A socialista Mar Barcón bótalle en cara a Negreira que "non pinte nada".
A socialista Barcón non quixo aclarar a súa postura no topónimo
O novo Goberno non vai variar a súa política en materia de topónimos. Ao igual que sucedía até o de agora, a única forma válida é a que establece o artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística: “Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”. O PPdeG zanxa así o debate aberto no seu día sobre a posibilidade de que se considerase válida a forma castelanizada dos nomes de lugar (como no caso de La Coruña).
A Xunta respostoulle por escrito á deputada socialista Mar Barcón. A parlamentaria coruñesa aproveitou para botarlle en cara ao voceiro local do PP que dixera que se ía cambiar o topónimo da cidade cando os conservadores chegasen a San Caetano: “ou non pinta nada, que tamén é posíbel que as peticións do señor Negreira non pinten nada en ningún sitio e menos no seu goberno, ou será un mentireiro compulsivo”
Porén, os xornalistas preguntáronlle á propia Barcón cal era a súa opinión sobre o nome da cidade. A socialistas empregou evasivas dicindo que “as posicións persoais debe aclaralas quen dixo que ese tema ía solucionarse”.