Os obradoiros de cómic garanten o relevo á actual xeración da banda deseñada. David Buceta imparte un a semana próxima en Vilagarcía.
David Buceta
Ninguén nace aprendido. Tampouco os autores galegos de banda deseñada, que viven agora un momento doce froito de anos de traballo. Con festivais consolidados, novas editoriais, un bo feixe de lectores e o recoñecemento e os premios que chegan tamén de fóra, é a hora de preparar o terreo para as xeracións vindeiras.
Os autores de cómic multiplicaron nos últimos anos a súa presenza en obradoiros de banda deseñada en diferentes localidades. O debuxante arousán David Buceta impartirá un novo obradoiro do 1 ao 11 de setembro en Vilagarcía, dirixido a rapaces e rapazas a partir de 12 anos.
Para David Buceta é o seu primeiro obradoiro como profesor, logo de participar en varios como alumno. A el permitíronlle adquirir coñecementos prácticos para a narración de cómic, polo que agora desde o outro lado agarda “conseguir que os participantes coñezan os elementos máis sinxelos da linguaxe da banda deseñada”.
Contar historias
Buceta considera que na busca do difícil equilibrio entre o debuxo e o guión, para un futuro autor de banda deseñada “o ideal é que saiba contar unha historia. A maneira en que o fagan xa depende de cada un”. Obradoiros como o de Vilagarcía cre que deben servir tamén para atraer novos afeccionados ao mundo do cómic.
Na comarca de Arousa a parroquia de seguidores da banda deseñada xa é bastante importante, explica David Buceta. El é un dos creadores que está detrás de Sinónimos de lucro, o último fanzine en viñetas que sae á luz en Galiza, que se presenta o mércores 26 de agosto en Vilagarcía. A publicación conta con introdución de Manel Cráneo, entrevistas a Rob Schrab e Guillermo Carandini e cómics de David Braña e Fran Freijanes, Gabriel Iglesias, David Buceta, Sheila Muíño, Olalla Castro, Ángel González, Ana Castiñeiras e Borja Gutiérrez.