Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oposición e sindicatos insisten no cesamento

Traballo mantén o apoio á directora xeral malia acumular novas irregularidades

A alto cargo da consellaría ten sido demandada por outras dúas traballadoras a través dos organismos da propia consellaría.

Redacción - 18:55 20/08/2009

"Vaia exemplo que lle dá o Goberno a empresarios e traballadores do noso país", laiábase este xoves Xosé Tomé Roca, voceiro en materia de Traballo do grupo parlamentario do PSdeG. "Esta señora non pode estar nin un minuto máis como directora xeral de Formación e Colocación e polo tanto como responsábel de contratación laboral da Xunta", insistiu o portavoz socialista.

Tomé Roca indicou que a sentenza saída dos xulgados ferroláns sinala con claridade "a culpabilidade da directora xeral, cando di, literalmente que a solidariedade afecta á sociedade civil e a cada unha das tres persoas físicas que crearon a confusión xurídica e material desas dúas relacións laborais, sendo beneficiarios e organizadores de ambas relacións".

"Son feitos graves en si mesmo, pero moito máis graves por seren cometidos nin máis nin menos que pola responsábel de contratación laboral da Xunta", denuncia o deputado socialista. Na súa opinión, se a Consellaría de Traballo non procede ao "cese inmediato" da directora xeral de ningún xeito a Xunta poderá falar o presidente da Xunta de intención de "rexeneración democrática". "Puxeron o raposo a coidar das galiñas", ironizou Roca. Por este motivo, de non haber dimisión inmediata, os socialistas promoverán no Parlamento a súa recusación.

Máis demandas e irregularidades
Desde a CIG Ferrol advertían esta semana de que a mesma directora xeral foi demandada por outras traballadoras por impago de salarios, a través dos propios organismos da Consellaría de Traballo. De feito, acúsana de non comparecer na súa cita coas traballadoras o pasado 12 de agosto no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

"Lamentabelmente, a demandada, a directora xeral, facendo caso omiso da obrigatoriedade que a Lei establece respecto á asistencia a dito acto, non compareceu", indican desde o sindicato, "este semella ser o valor que lle dá á Lei a directora xeral", láianse. "Agora o asunto pasará a engrosar os expedientes a tramitar por uns desbordados Xulgados do Social de Ferrol, ao non ter comparecido, nin procedido a abonar os salarios adebedados", denuncian.

Desde Comisións Obreiras (CCOO) uníanse este xoves á denuncia, cualificando de "inadmisíbel" o acontecido e pedindo que os cargos públicos dean exemplo de responsabilidade "máximo cando desempeñan cargos sustentados con remuneracións públicas para propoñer ordes e facer cumprir a legalidade".

Para Comisións, toda vez que a directora xeral de Formación "comete un erro ao non asumir un feito probado cunha sentenza do xulgado do social", en opinión do sindicato, queda "incapacitada para seguir á fronte da dirección xeral de Formación, pois ela mesma incumpre o que está obrigada a facer cumprir aos empresarios e traballadores no relativo á aplicación de sancións en materias relacionadas co emprego e o desemprego cando se producen conflitos e se proban os feitos".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: