Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Anos de buratos políticos e empresariais

Sector acuícola: oportunidade para emendar "as chafalladas"

Adega insta a Xunta a aproveitar a sentenza do TSXG para solucionar o cúmulo de erros pasados. Pero as primeiras reaccións de Pesca non parecen facilitar o consenso.

Redacción - 13:00 17/08/2009
Piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota) / Imaxe: Adega

Piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota) / Imaxe: Adega

"Aparquen a demagoxia e asuman as súas responsabilidades", reclámanlle este luns desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e á conselleira de Pesca, Rosa Quintana."Esta sentenza tamén vai con vostedes, polo que déixense de medias verdades e mentiras", avísanlle tamén ao PPdeG, chamando á procura do consenso político para definir con urxencia unha nova planificación da actividade acuícola en Galiza.

Instan os ecoloxistas a deseñar un marco legal que introduza criterios de sustentabilidade e respecto ao ambiente e os recursos da costa. Planificación que, advirten, debera afectar a actividade acuícola "en sentido amplo", incluíndo a pesca, marisqueo e parques de cultivo a flote (98% da produción e 95% do emprego no sector) alén de á propia acuicultura industrial en terra (2% da produción e 5% do emprego). Para Adega, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recentemente coñecida é unha oportunidade para emendar "erros pasados".

Propoñen por iso a apertura dunha mesa sectorial con representación do tecido produtivo que ten a súa base nos recursos mariños, da representación sindical, colectivos sociais, concellos, patronal acuícola, "e na que os ecoloxistas tamén queriamos dicir algo, aínda que só fora porque os tribunais estannos dando sistematicamente a razón".

Pau ao último goberno Fraga, ao bipartito e a Pescanova
Salientan os activistas ambientais que os tribunais censuraron "tanto a improvisación acuícola de Touriño-Gallego como as irregularidades e ilegalidades cometidas polo PP antes e agora a respecto das piscifatorías". "Curiosamente, os únicos que sacaban tallada destes planos acuícolas, inválido este e ilegal aquel, eras as empresas agasalladas con millóns de metros cadrados de costa virxe e inxentes cantidades de cartos públicos en subvencións directas", reprochan.

Lembran os ecoloxistas que a sentenza do TSXG invalida o plano acuícola do bipartito por defecto de forma, apoñéndolle que non seguise o trámite previsto para os actos de nulo dereito. Xustamente, os aludidos "actos nulos" refírense ao anterior plano sectorial de parques de tecnoloxía alimentaria, texto aprobado polo último Consello da Xunta da era Fraga sendo conselleiro en funcións de Pesca Henrique López Veiga. Un plano que ademais é considerado nulo por carecer de declaración de impacto ambiental, por incumprimento da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza e da Directiva 92/43 CE de Hábitats.

"Situaba en espazos protexidos o 28% das macrofábricas de peixe", recordan desde Adega ao respecto do proxecto de López Veiga, sinalando que o do bipatito reduciu esa cifra ao 3% pero lembrando que, así e todo, "ambos non tiñan en conta os impactos na pesca de baixura, o marisqueo, o turismo, a paisaxe, a sociedade, etc, de inmensas plantas en primeira liña de costa que deitarían millóns de metros cúbicos de augas sen depurar nas mellores augas do país". "E todo por case nada e a menos de 1 euros por metro cadrado, ao máis puro estilo da Cimbabue de Mugabe", censuran.

O goberno Feijoo defende o plan de 2005
malia os antecedentes e a propia saída á luz desta sentenza, de volta á Xunta o PPdeG resístese a aceptar as críticas. Paradoxalmente, a propia conselleira actual de Pesca, Rosa Quintana, formou parte do gabinete do goberno Fraga que botou adiante o plan agora probado ilegal. Aínda así, Quintana teimaba esta fin de semana en defender aquel proxecto. "O plan cumpriu con todos os requisitos legais e o do bipartito incumpriu todo", insistiu a conselleira.

Argumenta Rosa Quintana que cando se aprobou o plan "non existía a necesidade de realizar impacto ambiental" e evocou o recurso presentado pola asociación ecoloxista Adega ante a Unión Europea e que esta "arquivou". Ao fío, lémbranlle desde Adega que os ecoloxistas denunciaron xa no seu momento a situación no contencioso aberto con Acuinor pola piscifatoría de Rinlo (Ribadeo), conseguindo sentenzas favorábeis.


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: