Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
CONTAMINACIÓN

Sen información oficial sobre a calidade do aire

Verdegaia presenta unha queixa ante o Valedor do Pobo contra Medio Ambiente por incumprir a obriga legal de ofrecer datos sobre os valores de concentración de contaminantes.

Redacción - 13:30 14/08/2009

A Consellaría de Medio Ambiente dispón dun sitio en internet no que ofrece información sobre os valores de concentración de contaminantes no aire medidos nas estacións de avaliación de calidade do aire. Mais esta páxina web ofrece unicamente información sobre as estacións urbanas, nove no país, pero non sobre as industriais, que suman 66. Contra a carencia deste tipo de información rebélase o colectivo ecoloxista Verdegaia, quen ven de formular unha queixa ante o Valedor do Pobo.

Denuncian á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental por "continuar a incumprir as disposicións legais relativas á información á cidadanía sobre a calidade do aire". Os ecoloxistas lamentan a escasa información dispoñíbel publicamente, especialmente na contorna de industrias moi contaminantes, e alertan de que a Xunta restrinxe a información sobre as estacións industriais que se divulga con carácter anual nos correspondentes balances oficiais anuais. En concreto, no informe para 2008 só se divulgaron datos para 21 das 66 estacións industriais existentes.

Dentro destes datos que foron ocultados, atópanse as cifras da calidade do aire nas proximidades de industrias como Cementos Cosmos, da Central Térmica de Sabón (Unión Fenosa), de Ferroatlántica-Dumbría, de Ferroatlántica-Sabón, de Finsa (Satiago), de Materiales del Atlántico (Narón) ou de Sogama (Cerceda). Verdegaia recorda que, tal e como adiantaba no seu informe "A calidade do aire en Galiza", todas as cidades galegas superan os valores máximos recomendados pola Organización Mundial para a Saúde (OMS) para as concentracións no aire do contaminante atmosférico máis preocupante dende o punto de vista da saúde humana (o PM10). Con estes datos na man, reclaman á Xunta que cumpra a legalidade e dea a coñecer a información sobre a contaminación do aire coa que conta.
 


Ligazóns

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Índice da calidade do aire deste xoves (Consellaría de Medio Ambiente)
Índice da calidade do aire deste xoves (Consellaría de Medio Ambiente)
A contaminación producida polo tráfico e polas industrias ten especial incidencia en Galiza
A contaminación producida polo tráfico e polas industrias ten especial incidencia en Galiza