Semanas antes de que as iniciativas sobre lingua cheguen ao debate parlamentario, desde o PP xa as descualifican e acusan a PSOE e BNG de converter a lingua "en materia de conflito".
"O PSOE demostra que non ten clara a súa postura sobre o galego despois de catro anos nos que non dubidou en traizoar as súas propias ideas para asumir as do BNG co único obxectivo de garantir a súa estancia no Goberno". Tal é a valoración que lle merece a Paula Prado, deputada do PPdeG, a batería de propostas que, en materia de lingua, puxo na mesa este xoves o deputado socialista Francisco Cerviño.
"É incríbel que falen de dereitos dos cidadáns os mesmos que se escandalizan porque se consulte aos pais sobre as preferencias de idioma na educación dos seus fillos nunha comunidade bilingüe", arrebolou a deputada do PPdeG. "Aquí non había conflito algún até que chegou o bipartito coa súa estratexia de impoñer sen contar coa opinión, os dereitos e os intereses da cidadanía", asegurou.
Paula Prado asegurou que o goberno de Núñez Feijoo traballa agora para estender o uso do galego "a partir da súa promoción e de accións que redunden na querencia á nosa lingua e no orgullo de tela". Metas nas que, acusou Paula Prado, "retrocedeuse notablemente nos catro anos pasados". Con esta argumentación, a deputada do PP no Parlamento rexeitou este xoves as propostas que poucas horas antes realizaba en materia de lingua o deputado socialista Francisco Cerviño, asegurando ademais que algunhas delas estaban referidas a iniciativas xa en marcha. "Recoméndolle que se preocupe máis por escoitar o que os cidadáns queren que por medir ao noso partido", afirmou.