Preséntase na Coruña o álbum Como facer un cómic, nun salón no que estará Scott McCloud, que teorizou en viñetas sobre a novena arte.
Viñetas de "Como facer un cómic"
Se a banda deseñada é unha linguaxe completa que permite todo tipo de expresións, tamén debe servir para explicar que son e como se fan os mesmos cómics. Así o debeu pensar Scott McCloud cando creou os álbumes que o convertiron nun teórico clásico da banda deseñada. Agora Factoría K presenta no Viñetas desde o Atlántico Como facer un cómic, de Lewis Trondheim e Sergio García, outra maneira de achegarse en galego aos mecanismos que rexen a creación de cómics.
Cun estilo didáctico, os autores achegan aos máis novos como construir e debuxar historietas. Para iso percorren as páxinas do cómic explicando todos os seus elementos: a composición das viñetas, os tipos de planos, a descomposición do movemento, como expresar sentimentos, como plasmar o paso do tempo, a construción do guión, etc. O álbum remata cunha serie de exercicios para que os seguidores da banda deseñada se lancen a crear os seus propios cómics.
Os ensaios en viñetas de McCloud
A presentación do primeiro álbum en galego que destripa en viñetas as características da novena arte coincide coa presenza no salón de BD da Coruña dun dos seus máis importantes teóricos, Scott McCloud. O sábado 16 ás 18:15 h. pronunciará no segundo andar do Quiosco Alfonso unha conferencia acompañada de proxeccións.
McCloud é coñecido polos seus ensaios en forma de banda deseñada. No 2006 publicou Making Comics, unha guía para a creación de historietas que é a súa terceira obra como teórico. A primeira foi Understanding Comics: the Invisible Art, na que explica a historia e a linguaxe dos cómics e que e convertiu nunha peza de referencia. A esta seguiu no 2000 Reinventing Comics.
Máis novidades
O Como facer un cómic de Faktoría K non é a única novidade galega nesta edición do salón. O venres 14 ás seis da tarde o Colectivo Polaqia presenta o número 14 de Barsowia, con portada de Sergio Covelo e no que participan Hugo Covelo, Kike Benlloch, Santy Gutiérrez, David Rubín, Manel Cráneo e outros doce autores. Entre as colaboracións destacadas neste número están as de Dylan Horrocks, Jesse Jackson e Connor Willumsen. Polaqia presenta tamén o caderno de esbozos Sketchbook 3 de Javier Olivares; Habitación 13, recopilatorio de historietas do Xardín Atómico por Álvaro López e dúas láminas feitas ex profeso para o salón por David Rubín e Emma Ríos.
O sábado 15, de novo ás seis da tarde, Retranca presenta Fito & Pita, o primeiro álbum de Alberto Guitián, no que compila as historias destes dous personaxes. Cerditos de Guinea presenta na Coruña á tradución ao galego de Gárgolas e Os cinco loitadores, e El Patito Editorial dá a coñecer Hexed, a marca de Lucifer, de Emma Ríos.