Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MAR

O sector mexilloeiro, potencia europea mais afogado economicamente

O BNG demanda a posta en marcha dun Plano Urxente de Accións, para corrixir a situación de asfixia económica do sector.

Redacción - 09:30 14/08/2009

Os atrasos á hora de cobrar, a ameaza europea de excluír ao mexillón galego da etiquetaxe ecolóxica, o afundimento dos prezos... Os problemas que atravesa o sector mexilloeiro galego non fan máis que aumentar e as solucións tardan en chegar. O portavoz de Pesca do Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou que a súa formación demandará do Goberno a posta en marcha dun Plano Urxente de Accións en Defensa do Sector Mexilloeiro, para "corrixir o drama dun sector que é primeira potencia europea en produción".

Bieito Lobeira fixo un chamado para que a Xunta adopte medidas urxentes, xa que lembrou que o sector está "literalmente coa auga no pescozo". Acusou á conselleira do Mar de "estar a traballar para o inglés" ou, ironizou, "neste caso para o chileno". Nesa liña recordou que unha das ameazas do sector segue a ser a importación de Chile, que pasou de nove toneladas en 2003 a 12 mil en 2007. O BNG pide así á Quintana que defenda a produción galega por riba doutros criterios e intereses no canto de actuar "como se estivera en nómina de Pescanova".

Propostas para un sector afogado
O deputado nacionalista adiantou algunhas das demandas que inclúe o Plan Urxente. Entre elas, destaca o estabelecemento de convenios, en colaboración co IGAPE, para adiantar os pagamentos aos produtores ou a promoción da imaxe de calidade a través do Consello Regulador, prestixiando a Denominación de Orixe Protexida coas correspondentes campañas de mercado e a obrigatoriedade da identificación da orixe do produto nas conservas.

Os nacionalistas piden tamén "apoio á comercialización exterior do mexillón galego para acadar cotas de mercado relevantes naqueles mercados europeos nos que aínda non ten presenza" e "defensa diante do Estado Español e da UE de accións prácticas de control das importacións que se están a producir dende hai anos". Tamén exixen o recoñecemento oficial a todos os efectos da singularidade da frota de buques auxiliares de acuicultura no sector bateeiro, que en Galiza ascende a case 1.200 embarcacións.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: