Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REACCIÓNS

O BNG agarda o "megapelotazo" do concurso eólico

Acusa ao Partido Popular de alterar as regras do xogo para que gañe o equipo que eles queren e adianta que "pouco tardaremos en saber a que intereses responde".

Redacción - 18:20 10/08/2009
Guillerme Vázquez criticou a derrogación do decreto eólico en rolda de prensa

Guillerme Vázquez criticou a derrogación do decreto eólico en rolda de prensa

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, anunciou que os nacionalistas emendarán no Parlamento o novo proxecto de lei para regular o negocio eólico impulsado pola Xunta. Asegura que a Xunta está "cambiando as regras do xogo para que gañe o equipo que eles queren" e satisfacer así "os intereses de determinadas empresas" que, adiantou "pouco tardaremos en coñecer".

Vázquez, logo de defender o anterior plan eólico, acusou ao goberno de Feijoo de dar un "megapelotazo" anulando un decreto que "non é ilegal", dixo. Para demostralo, argumentou que a Xunta xa ten participación pública nos parques eólicos a través do Inega, e "contra esa participación non houbo nunca ditames do Consello Consultivo nin da asesoría legal da Xunta". Ademais, se o Goberno está tan seguro do incumprimento da lei do plan deseñado polo anterior executivo, preguntouse porque o PP non recorriu aos procedementos administrativos existentes para estes casos ou mesmo aos tribunais.

Acusou ao PP de actuar "con présas, ao tuntún" para "revestir de legalidade unha decisión política". Nesa liña, asegurou que os populares non o fan "por mellorar nada" senón para favorecer outros intereses e asegura que iso é palpábel nas "numerosas eivas" que presenta. Entre elas o feito de que elimine as garantías ambientais ou que non prevea ningún tipo de desenvolvemento regulamentario. Tamén criticou o contido do anteproxecto por dar "capacidade ao conselleiro para desestimar os procedementos, algo que "non ten antecedentes nos procedementos públicos"; ou que se grave o número de aeroxeneradores e non a potencia.

Finalmente, sobre o canon que estabelece o anteproxecto, Vázquez asegurou que se trata "dun simple lavado de cara" ante a decisión de eliminar a participación pública, xa que sería "moi descarado para a opinión pública que fronte a un modelo que procuraba a reversión de beneficios na sociedade, agora todo o beneficio fose exclusivamente para as empresas".


Ligazóns

5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: