Verdegaia presenta alegacións contra a tala de carballos e amieiros nas parroquias de Toribe e Mazoi e recorda que en Galiza desapareceron xa o 90% das carballeiras.
Verdegaia denuncia a desaparición do 90% das carballeiras galegas
O colectivo ecoloxista Verdegaia presentou alegacións a dous expedientes que están á espera da aprobación pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a tala 600 carballos e 70 amieiros no concello de Lugo. Exactamente refírense a 150 carballos en Santa Eulalia de Mazoi e outros 450 carballos e 70 amieiros en Torible, preto do regato Acebedo.
Se ben nos documentos non se explica o destino que se lle dará a estas árbores, Verdegaia entende que "serguramente sexan para vender madeira no caso de Torible, e para facilitar o acceso á autovía en Santa Eulalia de Mazoi.
Consecuencias no hábitat
Ademais de afectar ao hábitat da zona e aos animais que viven nel, segundo o colectivo ecoloxista, estas actuacións afectarán á calidade da auga, no caso do Acebedo, eliminaranse refuxios bioxeográficos e xeolóxicos e aumentará a erosión do chan. Lembran que, até o de agora, a provincia de Lugo é a que máis carballos mantén logo de que desapareceran o 90% das carballeiras do país.
Doutra banda, lamentan as contradicións nas que incorre a Xunta de Galiza, ao dar "axudas para fomentar as frondosas caducifolias" (Orde do 9 de maio de 2007) e seguir facendo "unha política forestal sen ordenación de ningún tipo, sen repoboar en compensación o que se corta e, sobre todo, permitindo que se faga nos peores sitios, como son as beiras dunha corrente e auga".