Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA OCUPACIÓN

A censura volve a Iraq

O goberno prohibe o acceso a portais de internet e libros que considera prexudiciais para o desenvolvemento da súa "fráxil democracia".

Redacción - 12:45 04/08/2009
Tags: censura Iraq

Dende a invasión de Iraq en 2003 e logo da ocupación encabezada polos Estados Unidos, ademais do aumento da violencia civil, os cidadáns iraquís experimentaron un maior acceso a certa información, antes totalmente prohibida durante o mandato de Saddam Hussein. Vídeos musicais con cantantes turcas lixeiras de roupa, portais de internet que recrutan a terroristas suicidas, telenovelas exipcias, pornografía... pero tamén canais estadounidenses ou israelís de noticias ou programas de entretemento eran contidos totalmente prohibidos en virtude dunha lei do ditador.

Para non poñer en perigo á fráxil democracia
Logo dun período que poderiamos chamar de transición, durante a ocupación americana, o goberno iraquí volve agora a abrir as portas á censura. Entre as medidas adoptadas polo novo executivo, destaca o peche de moitos cibercafés, o rexistro doutros tantos e a prohibición dun bo número de libros. Segundo explicou o propio ministro de Cultura, Taher al-Naser Hmood, "é necesaria" porque a entrada de materiais sen control no país "tiveron o efecto de alentar a violencia sectaria na fráxil democracia, ademais de deformar as mentes dos máis novos".

Nesa liña, o goberno xa rexistrou ducias de locais con internet, alegando que fomentaban a violencia e o contido sexual. Así, un comité gobernamental xa recomendou a redacción dunha lei que permita acelerar o peche deste tipo de locais, fundamentalmente cando alenten "o consumo de drogas, o terrorismo, o xogo, os comentarios negativos sobre o islam e a pornografía". Ademais, tamén se está a preparar un documento que deberán asinar os editores comprometéndose a non distribuír libros que o goberno considere ofensivos.

Pola contra, a oposición xa lamenta que o goberno está a impoñer a mesma censura que fora criticada ao mandato de Hussein. Entenden que é un exemplo máis de que o Primeiro Ministro Nuri Kamal al-Maliki "está traballando para consolidar o seu poder", o que supón, en si mesmo, "un regreso á ditadura".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O goberno entende que prohibir o acceso a certa información impedirá que os mozos accedan á pornografía ou ao terrorismo
O goberno entende que prohibir o acceso a certa información impedirá que os mozos accedan á pornografía ou ao terrorismo
O executivo iraquí prohibe fundamentalmente libros e contidos de internet
O executivo iraquí prohibe fundamentalmente libros e contidos de internet