Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTE LUNS

Caramelo: segunda votación para unha mesma proposta

Os 447 empregados da fábrica téxtil están chamados a participar neste novo referendo que non conta con respaldo do comité de empresa.

Redacción - 12:00 03/08/2009
A votación deste luns reflicte a división entre os membros do comité de empresa (CIG e CCOO)

A votación deste luns reflicte a división entre os membros do comité de empresa (CIG e CCOO)

Unha indemnización de 39 días por ano traballado, cun máximo de 37 mensualidades e un tope de 60 mil euros. Esta é a proposta da empresa na negociación do despido de 237 traballadores que se volverá a votar este luns na fábrica téxtil de Caramelo na Coruña. Mais, lonxe de estar en xogo só os dereitos laborais do cadro de persoal, tanto dos que quedarán contratados como dos que pasarán a engrosar as listas de desemprego, a cuestión sindical cobra vital importancia.

A CIG, con 12 membros, e CCOO, con cinco, repártense o peso no comité de empresa, mais logo de que se rachase a unidade dos traballadores a pasada semana, un novo grupo, que representa aos non despedidos, aspira a variar o resultado negativo que xa tivera a votación sobre a última oferta na negociación coa empresa.

Tres frontes abertas
Precisamente, este colectivo, que di non sentirse representado polo comité, fixo un chamamento á participación masiva dos 447 traballadores na consulta, en urna e con voto segredo, que terá lugar este luns. Manifestaron a súa "crenza na empresa", indicaron que "están dispostos a traballar para sacala adiante" e aseguraron que "fronte a esta situación límite" queren "opinar libremente, sen coacción e en segredo". Apostan pola acepción da última oferta da empresa porque entenden que non aceptala suporía "a perda do emprego de 800 familias", porque cren que "a situación pre-concursal que vive a empresa podería significar o seu peche".

Pola súa parte, os sindicatos con presenza no comité xa plasmaron a súa división. Dunha banda, CCOO asegura que acatará a decisión que se tome este luns. Da outra, a CIG, que xa tachara esta convocatoria de golpe de estado, recorda que a única forza lexitimada para a negociación é o comité de empresa que xa celebrara unha primeira consulta con resultado negativo para aceptar a proposta empresarial. Agora reclaman a "intervención directa" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para mediar no conflito. Recordan que a administración galega é accionista en Caramelo a través de Xesgalicia, que conta cun 7,5% do capital (o restante teno a corporación Inveravente), polo que aseguran que non se pode manter á marxe.

Queda por ver agora cal será o resultado desta consulta e, unha vez contrastado, cal será a súa validez e cal a reacción das forzas sindicais en conflito.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: