Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fronte ás que fan "marcas brancas"

As empresas con marcas propias xeran mellores condicións laborais

Ao estimular unha maior fidelización do consumidor, ofrecen menos risco de deslocalización e de perda de emprego, sinala un estudo de CCOO.

Redacción - 09:30 28/07/2009
O estudo foi presentado polos responsábeis estatais de CCOO

O estudo foi presentado polos responsábeis estatais de CCOO

"Os mellores convenios e condicións laborais no sector agroalimentario coinciden con empresas que teñen marca propia de prestixio e non fabrican para marcas brancas ou de distribución". Esta é a conclusión que tirou Comisións Obreiras (CCOO) dun estudo no que analizou e comparou os convenios colectivos de seis ámbitos representativos do mercado alimentario vencellado ao mundo agrario: lácteo, cárnico, cervexas, aperitivos e snacks, augas de bebidas envasadas e panadería industrial.

O informe tamén analiza as repercusións do crecemento da cota de mercado destas marcas brancas en detrimento das propias. En palabras do secretario xeral de CCOO, Fernández Toxo, este é un sector estratéxico, que supón o 17% do total da produción industrial, representa o 2,4% do PIB español e emprega a preto de medio millón de traballadores no Estado.

Mellores condicións laborais
A diferenza entre as circunstancias de traballo nunha empresa con marca propia e nunha compañía que fabrica marcas brancas é notábel. Segundo o secretario xeral da Federación Agroalimentaria, Jesús Villar Rodríguez, as primeiras "xeran mellores condicións económicas, de media entre un 30 e un 40% (podendo chegar até o 71%) e sociais que as marcas de distribución". Ademais, subliñou que as distancias tamén son importantes en materia de negociación colectiva e, en xeral, nos dereitos laborais.

O sector lácteo é o que representa maiores diferenzas salariais entre unhas e outras empresas. Así, a disparidade de salario por hora chega a acadar o 74,1%. Séguelle o sector cárnico, onde chega ao 71,3%; e o das cervexas (onde hai menor número de produtores), onde a diferenza entre os centros que producen case en exclusiva para marcas brancas ou de distribución e os que fan para marcas propias é do 40,5%.

Doutra banda, segundo CCOO, as marcas xeran unha maior fidelización co consumidor, o que, á súa vez, provoca un menor risco de deslocalización das súas empresas e, polo tanto, un menor risco da perda de emprego por cambios nas condicións impostas pola distribución. Ademais, son compañías que normalmente invisten máis en I+D+i, o que estimula mellores condicións económicas e sociais.

Menos consumo, risco para o emprego
Na actualidade, o sindicato advirte que se produciu un repunte da contratación temporal nas empresas fabricantes de marcas brancas. Pola contra, as que fabrican marcas propias estanse vendo obrigadas a recortar cadros de persoal polo descenso de consumo nos seus produtos. Esta dinámica obedece a que, en tempos de crise, os hábitos de consumo cidadáns tenden a reducir gastos substituíndo os produtos de marca, normalmente máis caros, por outros máis baratos.

Así, dende CCOO alertan de que esta decisión de consumo está a afectar á situación laboral de moitas persoas: "o descenso de compras repercute nas empresas do sector que fabrican marcas de prestixio, coa perda de cota de mercado, redución de inversións, menores marxes de beneficio...", unha circunstancia que está a "poñer en risco a calidade do emprego, debuxando un escenario máis difícil para a negociación colectiva".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: