Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Anteproxecto da lei de augas

Haberá un "tributo progresivo" en función da auga que saia da billa

A unificación de Augas de Galicia e da Empresa de Obras e Servizos Hidráulicos nunha única Axencia supoñerá, segundo Feijoo, máis "austeridade".

Redacción - 09:30 24/07/2009

Galiza vai dispoñer, antes de finais de ano, dunha nova Lei de augas. O anteproxecto, presentado este xoves no Consello da Xunta, contempla un cambio de modelo de xestión e a adaptación á Directiva Marco da Auga da Unión Europea.

O novo texto lexislativo terá que responder aos obxectivos de incrementar a eficacia e a eficiencia da Administración hidráulica do país, fomentar o uso racional da auga e conseguir o seu bo estado ecolóxico en 2015.

A xestión realizarase a través da Axencia Augas de Galicia, que integrará o actual organismo autónomo e mais a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos. Tamén se substituirá o actual canon de saneamento polo canon da auga, co fin de incentivar o aforro e o consumo responsábel. Prevese, ademais, crear unha "tarifa social", co que se favorecerá a cidadanía que non supere un determinado consumo mensual mínimo estabelecido pola lei.

A lexislación comunitaria cumprirase a través do Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa e incidirase nas necesidades de contar con auga potábel de calidade, o que implica o saneamento e a depuración das augas residuais. Por último, a Xunta senta as bases para poder asumir a xestión da bacía do Miño-Sil, unha demanda histórica do Goberno.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, salientou que a lei tamén vai na liña de "aplicar o Plan de austeridade á administración hidráulica, ao pasar de dous organismos a un". Tamén apuntou que a tarifa social incentivará "o uso racional da auga".

A lei contará coa colaboración das administracións locais na súa aprobación e desenvolvemento, segundo Feijoo: "Buscaremos a implicación dos concellos no mantemento das depuradoras, pero a Comunidade non pode mirar para outro lado cando se fan depuradoras e non se poñen en marcha". Tamén avogou polo saneamento "real" e integral das rías e destacou que no mesmo Consello se aprobaron obras de saneamento por valor de seis millóns de euros nos concellos de Boiro, Porto do Son e Gondomar. Informou, ademais, de que se asinará "un convenio marco para o tratamento de augas residuais".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: