A web xa non é accesíbel dende o estado hindú, aínda que diversas campañas de internautas piden a súa volta e reproducen as súas imaxes.
O goberno da India decidiu bloquear a web da banda deseñada porno Savita Bhabhi por considerala unha "ameaza para a seguridade e a integridade nacional" e "escurecer as relacións de amizade cos países veciños".
Savita Bhabhi é unha icona sexual entre os adolescentes da India. De feito, Bhabhi quere dicir "cuñada", ou o primeiro referente sexual da mocidade do país. O bloqueo da web fíxose cumprindo a Lei de tecnoloxía informática, promulgada despois dos atentados terroristas en Mumbai.
Segundo o Ministerio de Comunicacións, o departamento recibiu numerosas queixas sobre a web e ademais considerou que podería "corromper os menores".
A reacción do público non se fixo agardar, e xa hai en marcha campañas online para salvar a Savita. A páxina recibe 60 millóns de usuarios ao mes, dos que as tres cuartas partes procedían da India. O seu creador é un empresario indio afincado no Reino Unido, Puneet Agarwal, até agora agochado detrás do algume Deshmukh.
Agarwal, autor da primeira campaña "Save Savita", tívoa que abandonar por "problemas persoais e familiares" a raíz da súa "saída do armario". Pero os apoios continúan A pesar de que a web da banda deseñada xa non é accesíbel dende a India, outros blogs están a reproducir a banda deseñada, tentando burlar a censura.
Aínda que o Kama Sutra naceu na India, a súa sociedade actual é moi conservadora, sobre todo no que se refire á sexualidade feminina. Tamén resulta estraño que se censurase unha banda deseñada e non outro tipo de webs porno, que seguen a funcionar no segundo país máis poboado do mundo.