Comezará a funcionar cando se lance a nova versión do seu paquete de software e aspira a destronar a Google no mercado da web.
A batalla virtual -aínda que comercialmente ben real- entre Microsoft e Google parece non ter fin. A empresa famosa polo seu sistema operativo Windows pretende poñer na web unha versión en liña e de balde do seu paquete ofimático Microsoft Office. Deste xeito, competiría no mesmo mercado co servizo Google Docs, posto en marcha hai tres anos.
Un procesador de textos, unha folla de cálculo, un software de presentacións e outro para tomar notas, de aspecto semellante aos seus equivalentes comerciais, estarán dispoñíbeis na web no primeiro semestre do vindeiro ano, coincidindo co lanzamento de Office 2010.
Aínda que, por unha banda, ofrecer de balde un servizo que Microsoft vende por uns 100 euros pódelle facer perder cartos, tamén lle servirá para obter beneficios publicitarios atraendo o público cara aos seus outros servizos web, como o buscador Bing, lanzado recentemente para competir con Google.
Calcúlase que a división de Office tivo uns beneficios operativos de 6.650 millóns de euros e unhas vendas de máis de 10 mil millóns nos tres primeiros trimestres do presente ano fiscal de Microsoft. A compañía espera que os centos de millóns de persoas usuarias do seu paquete ofimático sirvan para derrotar a Google.