A bailarina e coreógrafa galega presenta o seu último proxecto, elaborado como artista residente do Centro Coreográfico Galego (CCG).
A bailarina e coreógrafa Mercé de Rande
A bailarina e coreógrafa Mercé de Rande presenta este venres en Vigo, ante outros profesionais da danza, o proxecto titulado Mar, Fento e Cemento, que elaborou como artista residente do Centro Coreográfico Galego (CCG). Mercé de Rande estará a partir das 18h00 no Teatro Ensalle, exhibindo o proceso creativo realizado, e participando nun coloquio posterior co público asistente.
Mar, Fento e Cemento ten como punto de partida a peza Fiando o Kaos, unha creación multidisciplinar que comezou en 2006, durante o Festival Zona Alternativa da Sala Nasa, en Compostela. A proposta reflexiona sobre a necesidade ou non de que unha obra se materialice sempre segundo as mesmas fórmulas de procedemento: ensaio e estrea. Tamén analiza se é posíbel unha nova forma de relación entre organización, artista e público, que permita facer uso de novos modelos de comunicación entre creadores e espectadores.
A estrea do proxecto coreográfico desta bailarina inclúese no programa Artistas en Residencia, creado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestionado polo CCG e o Centro Dramático Galego (CDG). O seu obxectivo é apoiar a artistas en proxectos de investigación nos ámbitos de teatro, danza e outras artes do movemento, así como outras disciplinas. Mediante este programa, en 2009 darase cobertura a un total de 15 proxectos, oito deles do CCG e sete do CDG.