Os 99 superheroes e superheroínas que o kuwaití Naif Al Mutawa creou en base aos 99 atributos de Alá combaterán ao carón de Superman, Batman e The Flash.
'Os 99' (Teshkeel), superheroes inspirados na cultura islámica e que personifican os 99 nomes ou atributos de Alá, e os integrantes da Liga da Xustiza (DC Comics), os clásicos superhomes estadounidenses: Superman, Batman, The Flash, ..., combaterán uns ao carón dos outros en pouco tempo.
Os últimos xa os coñecemos de sempre. Mais, quen son 'Os 99'? Ao contrario que os seus colegas norteamericanos non visten disfraces, non teñen identidades ocultas e a Policía non anda á súa procura. Viven como persoas normais, mais un día desenvolven habilidades sobrenaturais logo de entrar en contacto con xemas místicas.
A relixión fica á marxe -ou cando menos para o ámbito privado. Ningún dos 99 protagonistas, provenientes de 99 países diferentes, ora ou le o Corán en público. O seu creador, o psicólogo kuwaití Naif Al Mutawa impulsou a idea co fin de lle mostrar ao mundo a face tolerante e pacífica do Islam. Nas súas palabras, para "recuperar o Islam" dos integristas que o teñen refén.
Un millón de copias anuais no Oriente Próximo
As súas aventuras remóntanse a 1258, coa invasión mongola de Bagdad. Na historia de Al Mutawa, os libreiros da cidade agocharon 99 pedras especiais no río Tigris para protexeren a sabedoría da masacre. Séculos despois, os 99 heroes e heroínas atópanas.
O presidente de DC Comics, Paul Levitz, recoñeceu que a colaboración entre superheroes é común, mais que o intercambio cultural non tiña precedente ningún. 'Os 99', que Naif Al Mutawa deu vida coa axuda de catro ex debuxantes de DC e Marvel, venden un millón de copias anuais en Oriente Próximo.