Segunda condena deste órgano das Nacións Unidas, após o novo ensaio dos norcoreanos, desenvolvido o sábado pasado.
O Consello de Seguridade de Nacións Unidas condenou o luns á noite o lanzamento de sete mísiles, desenvolvido por Corea do Norte o pasado sábado: "Os membros do Consello de Seguridade condenaron e expresaron a súa profunda preocupación polo lanzamento dos mísiles, xa que constitúe unha violación das resolucións do Consello de Seguridade e supón unha ameaza á seguridade rexional e internacional", expresou o presidente de quenda do órgano, o embaixador ugandés Ruhakana Rugunda, ante os xornalistas.
Pyongyang volveu desoír as advertencias da comunidade internacional co lanzamento dos proxectís. Estas probas, realizadas o pasado sábado 4 de xullo, Día da Independencia nos EUA, foron entendidas como un desafío a Washington, que bloqueou a actividade no seu territorio dalgunhas compañías, ao sospeitar que poderían participar nos programas armamentísticos e nucleares norcoreanos. Ademais, Pyongyang realizou estas probas pouco despois de que se celebrase a última rolda de negociacións entre a delegación surcoreana e norcoreana, respecto ao complexo industrial común Kaesong.
Esta é a segunda condena do Consello no que levamos de ano, xa que o pasado mes de maio amosou o seu rexeitamento unánime ao ensaio balístico nuclear lanzado polo réxime comunista, e afirmou que supuña unha "clara violación" da resolución de 2006, adoptada logo dunha proba atómica norcoreana.