Tres representantes do Parlamento cobran por actividades privadas. Os que optan pola dedicación exclusiva perciben un mínimo de 4.600 euros mensuais brutos.
Como son as nóminas dos nosos representantes? Un deputado que se dedique plenamente ás tarefas parlamentarias ingresa entre 4.500 e 4.600 euros brutos cada mes. A cantidade increméntase cun plus se son membros dunha comisión (317 euros ao mes). A suma das retribucións anuais brutas (arredor de 58 mil euros) aseméllase á dun secretario xeral do Goberno.
Moito máis elevadas son as cifras anuais que perciben os membros da Mesa do Parlamento ou os voceiros parlamentarios. Así, incluindo gastos de representación e libre disposición, a presidenta do Parlamento sobrepasa os 9.300 euros mensuais brutos; os vicepresidentes, secretarios e vicesecretarios da Mesa perciben 8 mil euros brutos cada mes; e os voceiros dos grupos un mínimo de 5.400.
Mais hai deputados que prefiren renunciar á dedicación exclusiva para poder compaxinar o labor parlamentario coa súa actividade profesional, que lles resulta máis rendíbel. No Parlamento de Galiza hai tres deputados, todos do PPdeG, que renunciaron á dedicación exclusiva para poder ter ingresos por outras actividades privadas: Xaime Castiñeira (avogado); Dámaso López; (médico) e Xesús Goldar (xestor administrativo). A cifra contrasta coas que se dan no Congreso. Na cámara española só o 10% piden a dedicación exclusiva.
Disciplina de partido
O BNG é a única das tres formacións con presenza no Parlamento que lle exixe aos seus deputados que teñan dedicación exclusiva e prohibe expresamente manter paralelamente actividades privadas ou cargos noutras institucións.
Os socialistas tamén avogan pola dedicación plena dos parlamentarios. Porén, hai deputadas como é o caso de Beatriz Sestayo que tamén é concelleira en Ferrol. Segundo recolle Europa Press, dentro do PSdeG sinalan que é preciso predicar co exemplo e cumprir coa máxima de “unha persoa, un cargo”, algo que os socialistas até o de agora non lograron.
A postura do PPdeG é diferente xa que consideran que é bo combinar a actividade local coa parlamentaria. No caso de combinar negocios privados coa representación parlamentaria, os conservadores só exixen cumpran “coas súas obrigas”.