A CIG segue adiante coa folga, a UXT desmárcase, desmobilizando os seus afiliados vía SMS, e CCOO decidirá de mañá, mais non apoiará as manifestacións desta sexta feira.
As mobilizacións do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra trasladaranse esta sexta feira á zona de Marín e á cidade do Lérez, onde a CIG denunciou a existencia de "fugas" no marco do conflito e a falta de consolidación do mesmo.
A xornada estará marcada, por segundo día consecutivo, pola división sindical. Así, e a priori, CCOO e CIG apoiarán un novo día de folga no sector. Comisións aínda había desenvolver unha xuntanza cos seus afiliados a primeira hora da mañá para decidilo.
Tras desenvolver varias asembleas nos centros de traballo a primeira hora da sexta feira, polo menos os delegados do sindicato nacionalista sairán en varios autobuses, ás 10h00, cara Pontevedra e Marín. Esta iniciativa non contará co apoio de UXT, que a última hora da quinta feira decidiu desmarcarse do conflito, apostando por unha "tregua" na folga, e desconvocando os seus afiliados vía SMS. Na quinta xa non acudiu á asemblea xeral que se desenvolve todos os días, dende que comezou a folga, na Praza do Rei.
Rompe a "unidade sindical"
Os representantes das tres centrais sindicais reuníronse na tarde da quinta feira, ás 17h00, na sede de CCOO, co fin de recuperar a "unidade sindical". Con todo, após máis de cinco horas, o encontro continuaba ben entrada a noite, sen que se producisen cambios nas posturas.
Vocereiros dos sindicatos recoñeceron que, neste momento, as posicións seguen sendo diverxentes e, no caso de CIG e UXT "completamente opostas". No entanto, indicaron que seguirán a traballar para buscar "camiños intermedios" e fórmulas alternativas que permitan recuperar esa unidade.