Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por unha investigación "efectiva e independente"

“A nosa lei da memoria histórica é unha vergoña histórica"

As Asociacións para a Recuperación da Memoria Histórica do Estado reclaman o cumprimento do Convenio Europeo de Dereitos Humanos para os desaparecidos do franquismo.

Redacción - 08:00 02/07/2009
Restos dos represaliados entre 1937 e 1951 exhumados no cemiterio de San Rafael, en Málaga, esta fin de semana

Restos dos represaliados entre 1937 e 1951 exhumados no cemiterio de San Rafael, en Málaga, esta fin de semana

As Asociacións para a recuperación da Memoria Histórica do Estado xuntáronse para asinar unha carta na que demandan que o goberno español lle dea normal aplicación ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos, nas leis que regulan a recuperación dos corpos e da historia dos represaliados do franquismo. Nesta liña, piden que se articule un "sistema de procura, exhumación e identificación, nos casos das foxas, e de localización dos nenos perdidos", mediante unha Comisión Estatal de Procura de Desaparecidos, na que participen representantes da fiscalía e da xudicatura, do goberno estatal, dos corpos policiais e as institucións de dereitos humanos, así como das asociacións, entre outras entidades, conforme ditan estándares internacionais.

Nesta liña, as 47 asociacións que asinan este documento, láianse, máis unha vez, de que o modelo de exhumación e recuperacións dos desaparecidos vixente no Estado estea baseado "na Orde franquista de maio de 1940" que, segundo contan, a Lei da Memoria Histórica "copia", coma se "estivese fóra de Europa, ou das Nacións Unidas. Nesta liña, lembran que no Estado Español, "no canto de encetar investigacións oficiais efectivas e independentes, sen tardanza, e por iniciativa das autoridades, e non das familias", como esixe o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, elaborouse unha lei que describen coma "un labirinto xurídico, que non recolle nin unha soa das obrigas internacionais do Estado en materia de verdade, xustiza e reparación" e non garante "os dereitos fundamentais dos familiares dos desaparecidos".

A seguir recalcan que, tras 30 anos de democracia e Estado de Dereito, España aínda non cumpriu "nin unha soa das súas obrigas na materia", e todo isto a pesar de ser o "segundo Estado do mundo en número de desaparecidos" - nas foxas ocultas e tamén no que se refire aos nenos roubados, desaparecidos en vida e privados do seu dereito á vida familiar-, tan só superado por Camboxa, coas 150 mil vítimas do réxime de Pol Pot.

O documento está asinado, entre outras asociacións estatais, polas galegas Asociación pola Memoria Histórica d'O Grove e Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: