Galiza é a que menos se resente de todo o Estado, cunha caída do negocio interanual do 1,9% fronte á media de 7,8%.
O comercio minorista galego viu caer as súas ventas nun 1,9%
Mes a mes, estatística a estatística, as cifras do comercio minorista galego amosan unha caída constante tanto nas súas vendas como na xeración de emprego. Con todo, as cifras distan aínda moito das que se rexistran a nivel estatal. As vendas do comercio ao por menor rexistraron en Galiza unha caída interanual do 1,9%, seis décimas por baixo da cifra estatal, onde o negocio baixou un 7,8%.
Mentres, se nos centramos nos datos do mes de maio, a caída galega ascendeu a 0,8%, desta volta máis de cinco décimas menos que no conxunto do Estado, onde se chegou ao -6,3%. Así o revelan os Índices de comercio ao por menor (ICM) dados a coñecer polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Cada día, menos empregados
No referente á taxa de ocupación no sector, a caída é aínda máis destacada. En Galiza, o emprego rexistrou unha variación interanual do -2,3%, a súa maior caída en anos. O descenso é similar se nos referimos soamente ao mes de maio, cando o emprego baixou noutro 2,2%.
Porén, estas cifras tamén distan aínda bastante das que se rexistran en todo o Estado, onde o emprego no sector do comercio minorista rexistrou unha caída anual do 4,6%.